A Deputación amosa a súa aposta para espertar vocacións femininas no ámbito científico na feira “a ciencia que vén ten nome de muller” da UVIGO

Carmela Silva: “Sacar a ciencia á rúa para facer consciente á sociedade do seu valor é unha grande idea, e tamén para poñer o foco na necesidade de animar a nenas e mozas a apostar por carreiras relacionadas coa innovación”

18/03/2022

Feira da Ciencia Muller

Extraer ADN dun plátano, coñecer como flúe a corrente nunha neurona... Son só algunhas das actividades que o público de todas as idades pode facer na expo-feira “A ciencia que vén ten nome de muller”, que hoxe se celebra na praza do Berbés de Vigo e que ten como obxectivo achegar dun xeito divulgativo e lúdico o traballo do persoal investigador na ciencia, especialmente das mulleres, e amosar como os seus estudos favorecen o avance da sociedade. A Universidade de Vigo saca os seus laboratorios á rúa con esta mostra, organizada pola súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) e que conta coa financiación da Deputación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a colaboración do Concello de Vigo. Trátase dunha excepcional ocasión, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, para “facer consciente á sociedade do valor da ciencia” e para seguir a espertar vocacións femininas na ciencia, “porque as mozas non só poden ser científicas, senón as mellores científicas”. Deste xeito, a institución provincial conta cun stand propio no que amosa a súa aposta pola igualdade na ciencia con material dos distintos programas que desenvolve.

A presidenta provincial cualificou esta iniciativa da universidade e, en concreto, de Mónica Valderrama, Belén Rubio e Natalia Caparrini, como “unha xenial idea”, tanto polo feito de amosar o valor da ciencia para a sociedade, “porque a pandemia nos puxo diante con toda a súa crueza que sen recursos para avanzar en ciencia somos absolutamente vulnerables”, como por poñer o foco na necesidade de que as mulleres se involucren nas carreiras tecnolóxicas e de innovación. “Temos un problema moi serio porque a porcentaxe de mozas que se matriculan nestas carreiras STEAM está por debaixo do 25% -sinalou Carmela Silva-. Temos maioría de mulleres en equipos de investigación, pero estamos infrarrepresentadas na dirección destes equipos e nos libros de texto somos o 15% das persoas que aparecen como expertas e como persoas que fixeron grandes descubrimentos. É fundamental alertar da inxustiza destes datos e animar ás nenas e mozas a que elas non só poden ser científicas, senón líderes na ciencia, e referencias de grandes mulleres na ciencia sen dúbida as hai. Este século XXI non nos está a dar moitas alegrías pero estamos no lado bo do mundo, do que quere construír esperanza e futuro”. Concluíu sinalando que “a igualdade é un camiño fundamental para construír o coñecemento tamén desde a universidade”.

Neste senso pronunciouse tamén Mónica Valderrama, vicerrectora de Comunicación e Relacións Institucionais, que subliñou que “este século XXI é cousa de escribir ou  reescribir ás mulleres” e a feira constitúe unha oportunidade “para espertar vocacións e unha oportunidade  para que a rapazada a través de xogos poida coñecer o que se fai na universidade”. Tanto Valderrama como o reitor Manuel Reigosa agradeceron á Deputación a colaboración nesta actividade e noutras relacionadas coa igualdade,  “que é o reto fundamental  que ten a sociedade; se non camiñamos pola liña da igualdade estamos a perder moitísimo como sociedade e como universidade”, sinalou o reitor.

Engadiu que coa feira cóbrense varias frontes, a primeira sacar a ciencia á rúa e “amosar a súa importancia para o desenvolvemento da sociedade dun xeito próximo, de forma que a xente moza se achegue e a vexa como oportunidade de futuro profesional”. A segunda ten que ver coa igualdade, “porque precisamos nas aulas que todo o talento feminino se achegue e non deixen carreiras fora da súa elección, hai que  evitar fendas de xénero e unha que nos preocupa e pola que estamos a traballar coa Deputación é a das titulacións STEAM”. “Todo o que signifique que vexamos referentes femininas en postos top da investigación –afirmou o reitor- é fundamental para que as rapazas saiban que o seu talento pode agromar na Universidade de Vigo e en calquera universidade e poden ser novos referentes”. E concluíu sinalando que a mostra é tamén unha forma de estar máis preto da cidadanía de Vigo, amosando o seu traballo: “Que saibades que temos unha boa universidade, que se preocupa polo devir da sociedade, os ODS e a igualdade, con iniciativas como a Cátedra Feminismos 4.0 coa Deputación”, destacou.

Contidos da feira

A feira, que conta cun total de 12 stands e promove múltiples obradoiros para a participación do público, forma parte do programa de actividades da unidade “Ciencia de ida e volta” da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo e foi preparada por 57 investigadoras e investigadores para amosar na súa profesión. Do total, un 63% son mulleres que están traballando nas diferentes áreas de coñecemento coas súas investigacións. Preténdese que tanto a rapazada como as persoas adultas poidan coñecer de primeira man a mulleres investigadoras para que teñan referentes próximas e actuais.

Neste senso, a Deputación de Pontevedra amosa no seu stand material dos distintos programas que desenvolve no marco da ciencia e igualdade, como é o caso de “Inspira Steam”, realizado en colaboración coa UVigo e que busca animar ás rapazas a realizar carreiras científicas ou “Tecnolóxicas”, en colaboración con Asime para a mentorización directa de 100 mulleres como emprendedoras ou profesionais altamente cualificadas para insertarse en empresas do sector tecnolóxico. Tamén están a disposición do público o libro resumo das conferencias científicas do ciclo Aida Fernández Ríos do pasado ano, realizado coa Real Academia Galega de Ciencias, e material do ciclo “Ciencia en feminino”, que a Deputación desenvolve con GCiencia no marco da programación do 8M.

No stand proxéctase así mesmo un vídeo que amosa a lista de mulleres da ciencia que a institución ten visibilizado día a día nas súas canles sociais co lema “365 días, 365 mulleres” desde o pasado ano. Son 78 mulleres de Galicia, España e o resto do  mundo, entre as que figuran, entre outras, Ángeles Alvariño, Minia Manteiga, María José Alonso, Margarita del Val, Marie Curie, Jane Goodall ou Ada Lovelace. O material exposto complétase cos recursos do proxecto “A maleta dos océanos”, que recompila recursos educativos sobre o papel das mulleres na sostibilidade do mar, e tamén con material das campañas do xoguete non sexista, como “Búscase a Talento” e “Xogar sen fendas” que precisamente buscaba romper cos estereotipos vixentes no campo das ciencias. Haberá tamén material das campaña “Por nós, por todas” do 8M no 2020, e “Eu decido, ti respectas”, que a Deputación desenvolve nos festivais de música e cine da marca Rías Baixas.

Os restantes postos  da feira _que esta mañá foi visitada por máis de 80 alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Frians-Teis, ofrecen contidos sobre tecnoloxía, medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e economía. Amais, celebraranse diversos obradoiros, entre eles un co que aprender a detectar manipulacións en fotografías, outra actividade para visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas,  un taller de extracción de ADN de plátano ou actividades relativas á pintura rupestre prehistórica, entre outras.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.