Noticias

Font lembra aos grupos politicos de Cotobade que a Deputación segue á espera dunha decisión do concello sobre a estrada de Almofrei

O deputado recorda que foi o alcalde quen aparcou o proxecto de mellora da EP-0405 para priorizar unha actuación no núcleo de A Chan


28 outubro 2019
Movilidade

O deputado Carlos Font saíu ao paso de solicitude de información sobre a situación da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei, en Cotobade, e insistiu en que, "tal e como xa explicou aos grupos políticos e á veciñanza o anterior responsable de Mobilidade Uxío Benítez, a Deputación de Pontevedra segue a manter as portas abertas a realizar unha mellora da vía nas condicións que xa expuxo entón o deputado provincial do BNG.

Font remitiuse á información facilitada no seu día por Benítez, "coa que coincidimos plenamente", no senso de acometer un proxecto de mellora de vía diferente ao defendido polo alcalde de Cotobade, e caso de que o goberno municipal insista no anterior proxecto, a Deputación ten a disposición de pasar ao concello a titularidade da estrada para que poida executar a reforma que considere oportuna cos fondos que se lle envían co Plan Concellos". "Como xa lles explicou Uxío Benítez, dixo Font, o goberno da Deputación descartou o proxecto do concello pero mantén a opción de realizar unha mellora integral da vía seguindo os criterios de mobilidade actuais que fomentan a mobilidade peonil, e apostan polo calmado de tráfico e a seguranza viaria".

O deputado provincial lembrou que a modificación da estrada foi comprometida polo anterior goberno de Rafael Louzán en 2015 despois das eleccións nas que perdeu a presidencia da Deputación, e que foi o actual goberno quen detectou que o proxecto tiña eivas de autorizacións sectoriais polo que tivo que paralizalo, xa que tampouco coincidía cos novos criterios que se ían aplicar na rede de estradas provinciais de evitar ampliacións de plataforma e cambios de trazado en vías de tránsito menor. Xa no seu momento, o entón deputado de Mobilidade Uxío Benítez comunicou este problema ao alcalde, a quen se lle plantexou un posible cambio de formato da actuación na estrada ou a posibilidade de realizar un investimento noutra vía provincial dentro do concello.

De feito, o rexedor manifestou a súa intención de ‘aparcar' o proxecto para Almofrei e priorizar o investimento da Deputación para mellorar o núcleo de A Chan e, aínda así volveu a criticar publicamente a falta de actuación en Almofrei no intento de confundir á veciñanza.

Carlos Font tamén recordou que "xa no encontro co deputado do BNG, as veciñas e veciños de Almofrei comunicaron que en ningún momento foron coñecedores da posibilidade de levar adiante un proxecto alternativo diferente ao que falaba o alcalde, como o que propuxo a Deputación". Por todo elo, rematou Font, "consideramos que os grupos políticos de Cotobade coñecen que a disposición da Deputación segue sendo a mesma,  e só está a espera de que o Concello decida que quere facer: o dar o visto bo ao proxecto alternativo que ofreceu a institución provincial e que segue aberto, o a cederlles a titularidade da estrada para que fagan a reforma que consideren".