Noticias

Forcarei mellora o abastecemento de auga con obras baseadas na sustentabilidade financiadas polo Plan Concellos

A presidenta provincial e a alcaldesa comprobaron o bo ritmo das obras que suporán a definitiva eliminación da turbidez da auga de consumo no núcleo de Forcarei e mellorará a súa calidade en Soutelo de Montes


20 xullo 2021
Rede de abastecemento en Forcarei

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa, Verónica Pichel, visitaron as obras que se están a levar a cabo tanto no núcleo de Forcarei como no de Soutelo de Montes na mellora do abastecemento de auga para consumo doméstico, actuacións que están a ser financiadas polo Plan Concellos.

No núcleo de Forcarei, onde se está a acometer a primeira fase dos traballos, a presidenta provincial e a alcaldesa constataron a boa marcha das obras destinadas a acabar co histórico problema da turbidez da auga nesta localidade, que ocorría coa chegada das fortes choivas tras o verán, que afectaba a domicilios particulares así como a actividade hostaleira e comercial. Nesta primeira etapa, cun orzamento de 47.500 euros, estase a rematar a construción dunha edificación de apoio na área de emprazamento dos depósitos de auga coa finalidade de que as novas instalacións estean debidamente protexidas e, ademais, se instalará proximamente un sistema de decantación de reforzo á rede de abastecemento. A segunda parte da obra para solucionar os problemas de turbidez, cun orzamento de 46.720 euros, incluirá a instalación dunha potabilizadora compacta e o tratamento integral da calidade da auga antes da distribución domiciliaria.

Mellora do servizo en Soutelo de Montes

Así mesmo, en Soutelo de Montes funcionarán dúas novas bombas de abastecemento para mellorar a presión así como a instalación dun sistema de control e telexestión desta estación de bombeo. O proxecto destinado á mellora dos servizos municipais mediante a dixitalización, consiste na subministración e a instalación dun sistema de control e telexestión na Estación de Bombeo de Auga Potable de Soutelo, de forma que o concello controle en tempo real a capacidade do depósito municipal de auga potable, as necesidades de bombeo así como incidencias que requiran dunha atención inmediata e presencial para garantir a subministración deste servizo básico. A actuación contempla a instalación dun cadro principal de mando e centraliña electrónica para facer o control telemático en tempo real da instalación que será alimentado cun panel solar.

Este proxecto, que conta cun financiamento da Deputación de 14.399 euros, vai permitir ao concello mellorar a calidade do servizo de auga que abastece a Soutelo de Montes e ao Polígono Industrial de Vilapouca. Ao mesmo tempo, a actuación suporá un aforro para as arcas municipais derivado das horas de traballo manual que se facían ata o de agora fóra da xornada laboral, especialmente nos meses de verán nos que a localidade incrementa a súa poboación en máis dun 30 %.