Noticias

‘Galicia, a terra dos mil panos' reúne no Museo de Pontevedra por vez primeira unha espectacular escolma de mantóns e panos dos séculos XIX e XX

Exporanse máis dun cento de pezas téxtiles pertencentes á Asociación Sete Espadelas e a propietarios particulares


18 xullo 2019
Panos

O Museo de Pontevedra acollerá entre o vindeiro 24 de xullo e o 1 de setembro a exposición ‘Galicia, a terra dos mil panos' na que por vez primeira no país se reúne unha escolma de máis dun cento de mantóns e tecidos orixinais utilizados en Galiza nos séculos XIX e principios do XX, algúns deles "verdadeiras xoias" pertencentes ao colectivo Sete Espadelas e a socios propietarios particulares que os ceden para a mostra.

"É unha oportunidade única para ver unhas pezas téxtiles dunha categoría importante, pode que maxistrais", di o comisario da exposición José Luis Rodríguez. "A xente que se achegue á mostra debe saber que son pezas moi particulares e difíciles de volver a ver, xa que se non é nun museo con estas características, coas condicións de luz –practicamente a escuras para non danar os tecidos- e con seguridade, non podería facerse", afirma, explicando que se trata de creacións únicas e delicadas que deben estar totalmente protexidas en caixas herméticas controlando a humidade con produtos secantes, aireadas, cambiándolles a posición para que a seda non fenda co tempo, sen que lles dea o sol, e fóra do alcance de microorganismos.

A maior parte das pezas de ‘Galicia, a terra dos mil panos' amosaranse en manequíns para seren máis espectaculares para o público, pero tamén haberá outras que polo seu valor deberán ir protexidas en vitrinas, como un mantón cantonés de 1840, ou outros con motivos chineses bordados en seda e coas caras das figuras policromadas en marfil.

En total exporanse nove grupos de téxtiles que usaban as galegas e galegos de finais do século XIX e inicios do XX en diferentes ocasións, con variadas tipoloxías e tamaños, materias primas, confeccións, adornos, bordados ou técnicas de estampaxe coas que se enfeitaba a indumentaria tradicional.

Poderanse ver panos de corpo e cabeza de decotío, panos de loito, panos muradáns ou panos de namorar (os únicos que levaban os homes). As máis espectaculares serán as coleccións de mantóns de Manila, que chegaron a Galiza grazas aos mariños desde o porto filipino de Manila. Foron introducidos nas redes comerciais polos mercadores chineses xunto a outras mercadorías e transportados no coñecido como ‘Galeón de Manila' ata Acapulco, pasando despois por terra ata Veracruz, e de novo embarcados na flota das Indias ata Cádiz e dende alí, tamén vía marítima, ás vilas costeiras galegas e ao resto de Europa.

Serán de destacar tamén os panos de oito puntas de Paisley, confeccionados en la e seda, que inicialmente chegaron a Europa dende a India polos soldados do Imperio británico e que despois pasaron a elaborarse en Escocia, dende onde pasaron a Galiza. Trátase de pezas moi grandes (3,5 por 1,5 metros) que as mulleres inglesas utilizaban para tapar as grandes crinolinas das saias de moda naquel tempo, pero que as mulleres galegas dobraban á metade para facer un cadrado e despois en triángulo para colocalos cruzados no peito, deixando ver as oito puntas por detrás -de aí o seu nome-.

O grupo dos adamascados incluirá pezas de máis de 120 anos dos coñecidos como ‘panos de Laire' ou ‘panos canarios', de seda, finos e con flocos, que se colocaban baixo o dengue dos traxes de garda e domingueiros, e que eran unha prenda de grande aprecio e distinción entre as mulleres galegas. Houbo en A Coruña fábricas que confeccionaban estes panos e os exportaban ao resto de España e ao estranxeiro.

"Esta colección poderemos contemplala agora e ao mellor non a volver ver en vinte anos. En Galicia é a primeira vez que se fai unha exposición destas características e desta importancia polo número de pezas e pola súa antigüidade", indica Rodríguez.