Noticias

Gloria Gubianas apela á sustentabilidade económica, social e medioambiental para "cambiar o mundo a través da empresa"

A poñente, cofundadora de Hemper e "Mujer Emprendedora del Año 2019", protagonizou a webinar que organizou a Deputación a través de Smartpeme


02 xullo 2020
webinar

Sustentabilidade económica, social e medioambiental, son os tres piares fundamentais do "modelo triple balance" que Gloria Gubianas, cofundadora da marca Hemper e galardoada como Muller Emprendedora do ano 2019 en España,  destacou como poñente na charla en formato webinar "Como cambiar o mundo a través da empresa", organizada pola Deputación de Pontevedra a través de Smartpeme.

Na conferencia telemática, que presentou a presidenta provincial Carmela Silva e que seguiron ao redor dun centenar de persoas a través de Zoom, Gubianas fixo fincapé na importancia da sustentabilidade como un valor de presente e de futuro e engadiu que "se queremos un modelo de empresa, na que se xere riqueza económica e social sen danar ao medio ambiente, temos que igualarnos coas grandes marcas, non só cos negocios que fan produto responsable". Neste eido, a cofundadora de Hemper explicou que é fundamental seguir o mesmo formato que as demais empresas do sector e insistiu en que "para competir a ese niveis temos que facelo con produto, marca e sustentabilidade, é importante que sexa competitivo en todos os aspectos".

A poñente tamén fixo un breve repaso da súa experiencia persoal coa súa empresa de moda sostible Hemper, que definiu como "a súa ferramenta de impacto para cambiar o mundo", e subliñou que "hai que facer o que dis, pensas e sentes". Na webinar, a emprendedora tamén sinalou a diferencia entre o impacto operativo, "o que xeramos polo feito de existir e que xestiona a actividade diaria da empresa", e o modelo de negocio de impacto, "o impacto positivo específico, a parte máis profunda na que realmente está o cambio, consiste en identificar un problema e crear unha solución na empresa".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, instou a reflexionar sobre o mundo da empresa destacando a necesidade de cambiar o modelo porque "non se pode soportar máis unha economía depredadora. É importante crear empresas e riqueza, pero con valores e principios humanos e xerando beneficios tanto individuais como sociais". A presidenta provincial, que definiu de "inspirador" o modelo de Gubianas, insistiu en que "este mundo só ten presente e futuro con proxectos  sustentables que falen directamente ás persoas consumidoras intelixentes. Temos un enorme compromiso, hai que coidar ao planeta e ás persoas que habitan nel", concluíu.

A webinar estivo enmarcada na campaña informativa de seminarios on line, que a Deputación estableceu a raíz da Covid19, destinados a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas na procura da reactivación do emprendemento entre a poboación e propiciar o crecemento económico sostible mediante a formación. A poñente Gloria Gubianas foi escollida como "Mujer Emprendedora del Año 2019" cando apenas contaba con 24 anos. Hemper, a súa marca de mochilas e complementos, ten unha marcada vocación de impacto social posto que os elementos de moda xuvenil que vende son de carácter sostible ó ser feitos a man en Nepal e están compostas con cáñamo, polo que se traballa cunha das teas máis respectuosas co medio ambiente e, á vez, dáse emprego ás familias e comunidades en risco de exclusión social. Por este motivo, a empresa cumpre os máis altos estándares de impacto ambiental e social.