A Deputación leva o modelo de mobilidade amable e sostible á estrada de acceso a Donas en Gondomar

A Deputación e o Concello investirán 572.000 euros para adaptar os itinerarios peonís desta vía de 876 metros cunha senda de 2,5 metros e cunetas transitables

24/03/2023

Senda peonil en Gondomar

A Deputación de Pontevedra levará o modelo de mobilidade sostible, amable e segura á EP-2108 de acceso a Donas, en Gondomar. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, mailo alcalde, Paco Ferreira, visitaron esta mañá o lugar de Donas onde se realizarán os traballos, valorados en 572.000 euros e que serán financiados a través dun convenio entre a Deputación, que achegará o 80% dos recursos, e o Concello, que se fará cargo do 20% restante. As actuacións consistirán principalmente na dotación de itinerarios peonís seguros no total do trazado desta vía, de 876 metros entre a Avenida de Portugal, limítrofe co Concello de Nigrán, e o entronque coa EP-2304 Donas-Mañufe.

Principalmente construirase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho, para a que se empregará formigón coloreado e que estará separada da calzada mediante unha canle de formigón, e executaranse cunetas transitables de formigón na marxe esquerda, aproveitando os sobreanchos existentes. Na calzada, renovarase a capa de rodaxe mediante unha mestura bituminosa en quente. Contará ao igual que na actualidade con dous carrís para o tráfico rodado, de 3 metros cada un, e beiravías de ancho variable.

No marco destes traballos, cuxo anteproxecto está sendo redactado ao igual que o convenio, tamén se executarán os muros de sostemento necesario, renovarase toda a sinalización vertical e horizontal, instalarase o balizamento preciso e executaranse redes soterradas de recollida de augas pluviais e de alumeado público, que contará cunhas renovadas luminarias LED, proporcionando polo tanto un menor consumo enerxético e un maior respecto ao medio ambiente.