Noticias

Grandes firmas da arquitectura e a enxeñería copan os premios do concurso de ideas da Deputación para a ponte peonil entre Tomiño e Cerveira

Álvaro Siza e Jorge Amorín Nunes, Francisco Javier Zubia e Paula Teles, e Ginés Garrido e Alejandro Bernabeu conseguiron as tres mellores puntuacións entre as 24 propostas aceptadas


22 febreiro 2018
Concurso Ponte Peonil Tomiño Cerveira

Grandes firmas da arquitectura e a enxeñería tan coñecidos como Álvaro Siza, Javier Zubía e Paula Teles ou Ginés Garrido copan os tres premios do concurso de ideas organizado pola Deputación de Pontevedra para elixir o deseño da nova ponte peonil sobre o río Miño entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o xurado, practicamente por unanimidade, escolleu as propostas definidas como de "alta categoría", "excelente nivel", e incluso como "esculturas sobre o río".

Benítez manifestou o seu entusiasmo polo resultado e resaltou que calquera das tres propostas gañadoras, que recibirán un premio de 10.890 euros, servirá para "poñer o río Miño no mapa internacional" polo seu atractivo. O nacionalista explicou que o procedemento para a selección do proxecto final segue agora coa invitación aos autores gañadores para a redacción do anteproxecto da ponte. O contrato para redactar este anteproxecto adxudicarase ao gañador definitivo por un importe de 54.450,00 euros, e agárdase poder telo resolto no que queda de 2018.

"É un fito histórico e inédito que se tivera convocado un concurso de ideas internacional por parte da Deputación de Pontevedra con técnicas e técnicos galegos e portugueses no xurado. Agradezo a colaboración e entusiasmo que se puxo no proxecto", explicou o nacionalista.  

A presidenta da Deputación Carmela Silva, que aproveitou para saudar ao xurado na reunión de hoxe, tamén se mostrou "encantada" co resultado da selección. Manifestouse admiradora do arquitecto Álvaro Siza e agradeceu o traballo feito polo comité seleccionador, xa que dixo, "escolleron propostas que manifestan interese en que a cidadanía goce do espazo público".

Hai que lembrar que a ponte peonil sobre o Miño pretende ser unha ferramenta para crear o primeiro parque transfronteirizo da península ibérica entre o Espazo Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho en Vila Nova de Cerveira. Preténdese fomentar a mobilidade peonil e ciclable para aumentar o turismo na zona aproveitando as sendas existentes en ambas ribeiras potenciando os valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais do lugar. Hai que lembrar que  a zona na que se pretende levantar o viaduto é o lugar do río máis estreito de todo o Baixo Miño, con apenas 180 metros entre ambas marxes.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez destacou que os tres proxectos seleccionados "parécenme marabillosos". Destacou que son "practicamente pezas escultóricas sobre o Miño e poñen a Tomiño e a Cerveira no mapa". "Agora hai que comezar a camiñar este longo percorrido que nos queda de tramitación administrativa, xa que o de hoxe só é o inicio, nada máis", destacou a nacionalista.

Pola súa banda, o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, agradeceu á Deputación a súa axilidade e organización á hora de poñer en marcha o concurso de ideas para a ponte. En canto aos deseños destacou que das 26 propostas presentadas inicialmente, dez ou doce encaixarían perfectamente no espazo do río Miño, "especialmente as escollidas polo xurado, xa que polas reunións do xurado viamos que sempre foron respondendo ás nosas expectativas". "Nós queremos que esta ponte transfronteiriza consolide definitivamente a rexión do Miño e a unión lusogalaica", finalizou.

Características das tres pontes

A proposta titulada ‘Raia', pertencente ás sociedades Álvaro Siza (do arquitecto homónimo) e a GOP (representada por Jorge Amorín Nunes) foi a que acadou maior puntuación do xurado, con 90 puntos. Trátase dunha ponte tipo arco cunha forma de ‘S' en planta de 300 metros de lonxitude. A súa estrutura en horizontal distínguese por ser metálica, ter un largo útil de catro metros, pavimento sintético de poliuretano e unha varanda metaliza. En canto á estrutura vertical, ten un gálibo de 9,20 metros e dous apoios na ribeira do río en forma de pilas metálicas en V e en arco. O encontro cos espazos lindeiros prodúcese ao leste do Espazo Fortaleza de Tomiño, na zona próxima ás vivendas, e ao sur do illote do Parque do Castelinho en Vila Nova de Cerveira, sen afección nin á praia nin ao propio illote. O orzamento construtivo previsto é de 3,38 millóns de euros.

O deseño que quedou en segundo lugar foi o titulado ‘Caminho do rio', da Sociedade Proyectos y Obras de Estructuras e Instalaciones, representada polo vigués Francisco Javier Zubía, e a sociedade Mobilidade e Planeamento do Territorio, representado pola enxeñeira Paula Teles. Propoñen unha planta de directriz quebrada de 323 metros de lonxitude cun taboleiro metálico antiesvarante de entre catro e seis metros de largo, cun vano central de 123 metros (con gálibo de 9,50 m) e dous vanos laterais de entre 90 e 110 metros, que se apoia en dous pilares de formigón armado no leito do río. O encontro da plataforma coas ribeiras prodúcese na zona sur da Fortaleza –ao carón do auditorio– e ao sur do Parque do Castelinho, non tendo tampouco nin afección á praia de Tomiño nin ao illote en Vila Nova, cuestión ambas as dúas que foron fundamentais para o xurado. O custo estimado da construción do viaduto, de chegar a escollerse definitivamente a proposta é de 3,35 millóns de euros.

O último proxecto que pasou a liña de corte do xurado foi o titulado ‘Una línea sobre el Miño', das sociedades Burgos y Garrido, representada por Ginés Garrido Colmenero e Bernabeu Ingenieros, representado por Alejandro Bernabeu Larena, que propoñen unha ponte colgante de directriz recta e 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal proposta está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote e tería un valor construtivo de 3,38 millóns de euros.

Quedaron en reserva, por posibles contratempos coas propostas gañadoras, os deseños titulado ‘Lazos', ‘Euroconverxencia natural', ‘Fado' e ‘Venustas'.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75 % de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros.

Máis información 

Fotos


Outras novas

VI gala deporte feminino

21 xuño 2018, igualdade, deporte, concello de pontevedra, concello de vigo, antonio lópez, carmen barro, durán maquinaria, maría pérez araújo, mecalia atlético guardés, melania rodríguez, mudega, noelia pérez, susana rodríguez gacio, vi gala deporte femenino, marta bobo
Catoira Mulleres en acción.Violencia Zero

21 xuño 2018, catoira, digna rivas, contra a violencia machista, mulleres en acción. violencia zero