Guinea Bissau aspira a ser “bo alumno” do Revitaliza e adaptar o sistema de residuos da Deputación ao seu territorio

Unha delegación do país africano foi recibido na Deputación pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, que ofreceron colaboración máxima 

05/09/2022

Delegación Guinea Bissau Revitaliza  

O Revitaliza segue a ser exemplo internacional de tratamento de residuos e un novo país  de fala lusófona, Guinea Bissau, vén de interesarse polo modelo de xestión provincial. No día de hoxe a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera recibiron a unha delegación do país africano, á que lle ofreceron toda a colaboración para a adaptación do seu sistema de residuos e formación técnica co fin de mellorar a biodiversidade do seu territorio.

Na reunión institucional desta mañá no Pazo Provincial, ademais dos representantes políticos, participaron o asesor de residuos provincial Carlos Pérez, a técnica María Martínez Abraldes, así como tamén o director do CEIDA, Carlos Vales, e a técnica do mesmo organismo Carmen Borobio. Por parte da delegación guineana tomaron parte o secretario xeral do Ministerio das Pescas Mauricio Sanca; o presidente do Ponto Focal da Rede Luso GB, Fernando N. Saldanha; o secretario para as Relacións Públicas e internacionais da Rede Luso-GB Agostinho A. Fona; o xefe de Repartição de Formação e avalição de competencias do Ministerio das Pescas Herme Indi Fonseca; e o coordeador do Grupo Temático Zona Costeira e Marinha-Rede Luso-GB, Carlos da Silva.

Guinea Bissau é xa o segundo país dentro do programa SMILO (Small Islands Organization) que quere desenvolver o modelo Revitaliza como xa o fixera Illa do Príncipe, tamén en colaboración do CEIDA. Neste caso, xa estiveron no territorio dous técnicos do Revitaliza, e para completar o aprendizaxe persoal de Illa de Príncipe que fora formado en Pontevedra está a tamén ser guía técnico. No día de hoxe, ademais da recepción, toda a comitiva fixo un percorrido por distintos concellos da provincia onde se está a facer compostaxe de kilómetro cero, ben por composteiros individuais ou comunitarios.

Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, Guinea Bissau é un paraíso con 88 illas que debe enfocar o problema dos residuos para darlle unha saída urxente. “Imos ter toda a colaboración que poidamos pola nosa parte. Ao fin e o cabo os erros e acertos que poidamos ter uns se poden servir para outros non os cometan, creo que é unha boa colaboración”, subliñou o nacionalista, quen salientou que “nunca pensamos cando comezamos no 2015 co Revitaliza que ía ter esta trascendencia. Man tendida para colaborar e nós aprender de como se fan as cousas noutros sitios”.

Para Carmela Silva é “unha honra que Guinea Bissau queira sumarse a este proxecto de compostaxe”. A presidenta provincial comparou o efecto que produce o bateo das as dunha bolboreta, que pode provocar cambios noutra punta do mundo, coa posta en marcha de Revitaliza en Pontevedra provincia “que agora tamén move a facer cambios imprescindibles na xestión de residuos na Illa de Príncipe e en Guinea Bissau”.

Así, fixo fincapé na importancia das relación de cooperación que “teñen que ser serias e con proxectos concretos e non palabras nin declaracións”. Carmela Silva tamén puxo o foco no tratamento dos residuos e lembrou as illas de plásticos existentes nos océanos así como o problema dos residuos orgánicos que supoñen “un custo económico tremendo para xestionalo pero sobre todo un custo económico medioambiental inasumible”. Ante este tipo de situacións, afirmou, “temos que ter un forte compromiso con esta xeración e coas que veñen, temos que cambiar”.

Tamén gabou ao vicepresidente provincial “pola valentía para cambiar as cousas cando ninguén pensaba que a compostaxe ía poder ser unha realidade” e subliñou que “isto é o que merece a pena da acción política: cambiar, transformar e saber que non podemos seguir facendo o mesmo porque iso é destruír o presente e o futuro”.

Curiosidade en todo o planeta polo Revitaliza

O director do CEIDA, centro de referencia de educación ambiental en Galicia, Carlos Vales, subliñou estar encantado de ser anfitrión da delegación de Guinea Bissau e ter a oportunidade de traballar coa Deputación de Pontevedra cun proxecto que “é exemplar a nivel mundial” como o Revitaliza. “É un sistema contemplado con curiosidade en todo o planeta e non esaxero porque é capaz de resolver problemas de xestión de residuos que son moi importantes en países en desenvolvemento, sobre todo en sistemas insulares”, dixo.

Segundo explicou, Guinea Bissau ten un grande problema cos residuos orgánicos, pero sobre todo cos residuos “insidiosos” de plásticos que poden rematar no mar.  “Dende aquí –a Deputación- estase a apoiar a unha reserva da biosfera cunha beleza excepcional e un dos ecosistemas máis impresionantes do planeta chamado Bijagós, cun parque nacional chamado Orango no seu corazón e habitado por unidades cun patrimonio cultural do máis rico de toda África occidental. Todo o que sexa colaborar, co apoio explícito de Galicia, vai ser positivo (...)”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Pescas de GB Mauricio Sanca agradeceu á Deputación, ao CEIDA toda a colaboración e a organización do encontro de hoxe.  Subliñou que na conservación e valorización do medio ambiente España ten unha enorme experiencia. “Queremos estando aquí entablar contacto para no futuro aplicar as experiencias no sector adaptando ás nosas realidades”, subliñou, asegurando a súa aspiración de ser “bos alumnos” do Revitaliza.

Sanca destacou que é indispensable reforzar as capacidades de Guinea Bissau de recursos humanos para estar á altura dos novos desafíos. Á seguir, subliñou o desexo de que no final da súa viaxe se poidan establecer novas accións concretas no cadro da cooperación entre Guinea e Galiza. De feito, ademais de interesarse pola compostaxe e o Revitaliza, a delegación guineana busca tamén coñecementos e cooperación no ámbito da Pesca. Na xornada de mañá manterán unha reunión no CETMAR, con responsables de Relacións Exteriores da Xunta e tamén da área de Pesca.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.