A Deputación sementa a lembranza da gran María Casares na provincia cunha camelia co seu nome no castelo de Soutomaior

Carmela Silva: “Queremos reivindicar hoxe a arte e a extraordinaria calidade dunha actriz inigualable, a súa vida e valentía e o seu compromiso cun mundo novo que aínda non fomos capaces de construír no que as mulleres ocupemos o noso espazo”

22/11/2022

HOMENAXE CENTENARIO NACEMENTO MARIA CASARES

María Casares sempre gardou no seu fogar francés un puñado de terra da praia de Bastiagueiro e outro de Montrove como recordo da Galicia que tanto lembraba. Agora, a máis grande das actrices galegas, que viviu toda a súa traxectoria no exilio, xa pervive na terra que a veu nacer en forma de camelia. A Deputación homenaxeou hoxe á intérprete tralo centenario do seu nacemento cun emotivo acto no Castelo de Soutomaior que incluíu a plantación na súa honra da novena planta que albergará o Xardín de Camelias con nome de Muller. Todo para reivindicar a unha figura “extraordinaria” en todas as súas facetas e que foi silenciada en España, como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva. No acto, non podía faltar o teatro e foi a actriz Paula Sanmartín quen se puxo na pel dunha emocionada María Casares, acompañada ao teclado polo pianista Martín Rgiz.

Debido ao mal tempo, a homenaxe desenvolveuse no Salón do Tapiz do Castelo, onde xunto á presidenta provincial, Carmen Salinero, xefa do Servizo de Areeiro, e María Casares-Paula Sanmartín plantaron a camelia nunha caixa de madeira para proceder nos vindeiros días ao seu traslado ao xardín. Carmela Silva puxo en valor a necesidade de reivindicar o legado de María Casares no seu centenario e destacou que “foi unha muller libre, independente, transgresora, adiantada ao seu tempo de enorme personalidade e voz inigualable”. “Pero nesta provincia queremos reivindicar –engadiu a presidenta provincial- a súa arte, a extraordinaria calidade dunha actriz única, a súa vida, a súa valentía e o seu compromiso cun mundo novo que non temos logrado construír, no que a metade da poboación, exactamente o 51%, ocupemos o noso espazo e onde se faga visibles ás grandes mulleres que tanto aportaron á humanidade. María Casares foi un delas. Foi unha gran muller á que admiramos, queremos e rendemos homenaxe porque se merece todos”.

Despois de repasar algunha das súas frases máis memorables e os logros acadados durante a súa vida, a presidenta provincial lembrou que en Francia é considerada “un monumento nacional” e precisamente acaban de darlle o seu nome a unha ponte, mentres que en España a súa condición de filla do xefe do Goberno republicano silenciou o seu éxito internacional no teatro e no cine durante a ditadura e despois dela “foi unha descoñecida durante demasiado tempo” e segue sen recibir o recoñecemento que merece “unha das mellores actrices da historia de Europa no século XX”. Carmela Silva lembrou que Galicia e a súa condición de exiliada sempre marcaron a Casares e recordou unha das súas frases que así o amosan: “Sentín máis o exilio de Galicia a Madrid que o de España a Francia”.

Pola súa banda, a actriz Paula Sanmartín, na pel da actriz coruñesa, fixo a modo de monólogo un repaso pola vida de María Casares, “unha vida noveleira, pero só a vida que me tocou vivir”, desde a súa nenez á súa “aventura” coa marcha a Francia xunto á súa nai e logo a súa carreira teatral interpretando ás grandes personaxes de Genet, Valle Inclán ou seu amado Albert Camus. “Son un trociño de Galicia –indicou-. E aínda que pasei a miña vida en Francia tentando reprimir a pulsión do amor que sentín por Galicia, tentando esquecer, a memoria é importante e quero reivindicalo”. Neste senso, defendeu a necesidade de seguir a recuperar a memoria histórica e lembrou que “a fronteira máis importante é a do noso corpo e desaparece en canto dúas persoas se aman”. “Parece que nos queren inocular con medo para quitarnos o poder da acción dos soños e gustaríame encoraxarvos –concluíu- a que sigades soñando. Porque os horrores non son a vida. A vida é estar xuntos, estar vivos e celebrala. Alá onde se soñen xardíns imaxinarios hai futuro para esta humanidade”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.