O III Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos chega desde este xoves a centros educativos da provincia con cinco charlas científicas

O programa da Deputación e da Real Academia Galega de Ciencias impulsará charlas ata o 13 de decembro en centros de Caldas, Lalín, Cangas, Vigo e Baiona

15/11/2022

O III Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega esta semana aos centros educativos da provincia con cinco coloquios adaptadas ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do programa que espallará a ciencia ata o 13 de decembro entre o alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato e da rama sanitaria de FP dos concellos Caldas, Lalín, Cangas, Vigo e Baiona, da man de persoas referentes en distintos eidos científicos.

As charlas comezarán este xoves 17 no IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis) cunha conferencia titulada “Tris-Tras coas matemáticas o terás” a cargo de María Vctoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española. Nela falarase fitos das matemáticas que contribúen a facer do mundo un lugar mellor. Nesta charla mostraranse algúns destes feitos que teñen que ver cos avances da ciencia e da tecnoloxía ou a organización das nosas sociedades. O día seguinte, María Teresa Moreira Vilar, catedrática de Enxeñería Química do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, estará co alumando de 1º e 2º de bacharelato do IES Laxeiro (Lalín) para deixarlle claro á mocidade  que a auga residual é, en realidade, un recurso valioso. No coloquio “Auga residual: de residuo a recurso” búscase informar acerca dos cambios que sufriron as plantas de tratamento de augas residuais ao incorporar novos avances tecnolóxicos.

O venres 25 de novembro o IES Primeiro de Marzo (Baiona) acollerá unha charla que porá o foco na “Ciberseguridade: que son os piratas informáticos e por que precisamos deles”. A conferencia correrá a cargo de Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, para explicar como os hackers éticos traballan para empresas atacando os seus propios sistemas informáticos co obxectivo de determinar cales son os seus puntos vulnerables, para así poder fortalecerse e evitar ataques realmente maliciosos. Xa na última data de novembro, o mércores 30, a rapazada de 3º da ESO do IES Monte Carrasco (Cangas) acudirá á charla “Microalgas: microbios que fan funcionar o planeta en segredo”, da man da catedrática de Microbioloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, M.ª Ángeles Cid Blanco. Nesta conferencia falarase das microalgas, descoñecidas para a maioría das persoas, que son organismos diminutos e incribles. Sosteñen a vida nos océanos formando o fitoplancto, cultívanse para obter alimento, utilízanse en acuicultura, son unha fonte de biocombustibles, entre outros usos aínda que  a súa actividade está en perigo por mor da contaminación.

O último dos coloquios terá lugar o martes 13 de decembro no CPR Aloya (Vigo) no que os alumnos da rama de saúde de FP coñecerán os novos avances da xenética forense e as posibilidades desta ciencia na resolución de casos de criminalística biolóxica. A charla “Testemuñas silenciosas: o que o ADN nos conta dun feito criminal” correrá a cargo de M.ª Victoria Lareu Huidobro catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela.

Con estas charlas péchase a terceira edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á  bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu oito conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de maio e xuño. Nelas versouse sobre a enfermidade do alzhéimer, a intelixencia artificial ou como afronta a poboación o cambio climático, temas cos que se busca espertar o interese do gran público sobre cuestións de actualidade científica con repercusión social e impulsar así, o labor científico en Galicia.

Ligazóns de interese