A Deputación organiza as xornadas “Individuas de Dudosa Moral” para abordar a represión da sexualidade feminina durante o franquismo

Falarase da vida íntima centrada na “satisfacción das necesidades do varón”, do roubo de bebés, da persecución das mulleres lesbianas e do Patronato de Protección a la Mujer como cárcere de “descarriadas”

18/03/2022

Individuas de dudosa moral

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro 8 de abril as xornadas ‘Individuas de dudosa moral’ para poñer de relevo a represión da sexualidade feminina durante o franquismo. No salón de plenos provincial xuntaranse algunhas das persoas que máis teñen traballado nesta temática e abordaranse aspectos como a vida íntima centrada na “satisfacción das necesidades do varón”, o roubo de bebés, a persecución das mulleres lesbianas e o ‘Patronato de Protección a la Mujer’ como cárcere de “descarriadas”, entre outras cuestións.

 A deputada de Memoria Histórica María Ortega presentou esta mañá a iniciativa. Explicou que o obxectivo do departamento é volver abordar a memoria dende unha perspectiva de xénero, poñendo o foco nas mulleres, “xa que boa parte delas eran para o réxime “individuas de dudosa moral”, tal como se recolle nas misóxinas sentenzas franquistas, por iso escollemos ese nome para as xornadas”.

Ortega destacou que as mulleres foron as principais receptoras de castigos franquistas de marcado carácter sexista como a rapa do pelo, a tatuaxe da pel, a inxestión obrigada de aceite de rícino ou as agresións sexuais. Pero a represión foi máis alá “da violación das rojas” e afectou a todas as mulleres de maneira global relegándoas ao ámbito do fogar, tratándoas  como menores de idade e negando a súa sexualidade foille.

“A Sección Feminina da Falanxe e a Igrexa marcaron as pautas do que debía ser a súa vida íntima, que non tiña máis finalidade que satisfacer as necesidades do varón. E por se fose pouco tanto o silencio como a impunidade foron especialmente graves no caso das mulleres. Incluso cando se recupera a memoria sempre se pon especial fincapé no acontecido aos homes. É de xustiza facer unhas xornadas monográficas sobre isto”, subliñou a nacionalista.

Programa

Abrirá os relatorios do día 8 ás 11.30 da mañá a historiadora María Victoria Martins falando de como a ditadura reprimiu non só ás vítimas directas, senón a todas. Explicará por exemplo como a lexislación marcaba como delito o adulterio feminino, pero non o masculino e como se o home mataba á esposa adúltera era castigado só con desterro, pero se “só” lle pegaba non era nin delito.

A continuación iniciarase unha mesa redonda unha mesa redonda baixo o título ‘O Patronato de Protección a la mujer: un cárcere para as descarriadas’. A institución franquista será abordada por dúas das mulleres que máis a teñen estudado: a xinecóloga Enriqueta Barranco e a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la impunidad del franquismo.

Neste coloquio evidenciarase “como as mulleres que se afastaban do corsé  marcado podían ser encerradas en institucións por orde do Patronato de Protección a la mujer, que funcionou desde 1943 ata 1986, xa na Democracia... Aínda que foron mellorando as formas de trato coas internas, insisto, existiu ata ben entrados os anos 80... e era un sistema totalmente opresivo para as rapazas que podía quitarlles a liberdade pola forma de vestir ou por quedar embarazadas aínda que fose logo dunha”, dixo Ortega, que lembrou que sobre o Patronato de Protección á Muller hai en marcha unha investigación sobre os seus fondos documentais na provincia de Pontevedra que se darán a coñecer vindeiras semanas.

Outro dos temas das xornadas será o roubo de bebés, co que se abrirán os relatorios da tarde con Soledad Luque, presidenta do colectivo que engloba á maioría das vítimas é unha das principales expertas na materia e estará acompañada pola avogada da súa asociación, ‘Todos los niños robados son nuestros niños’, Maite Parejo. A deputada María Ortega explicou, de feito, que foi a solicitude dunha vítima viguesa, Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado, “a que nos convenceu da urxencia de celebrar estas xornadas con este tema. Tendo en conta que unha das nosas principais liñas de actuación é a loita contra a impunidade, era obrigado xuntarnos para coñecer máis este problema e ver de que xeito podemos axudarlles. Agardemos que a propia Marga poida sumarse á xornada a través de videoconferencia”.

O último relatorio das xornadas abordará a represión contra a sexualidade das mulleres, que permitirá tamén a coñecer de preto o padecemento que supuxo a ditadura para as mulleres lesbianas. O réxime unicamente contemplaba a sexualidade feminina como a obriga de satisfacer a necesidade do varón, polo que oscilou entre ignoralas e perseguilas. Nanina Santos, historiadora, cofundadora da Asociación Galega da Muller, integrante da equipa da revista Andaina e profesora de ensino medio xubilada, dará o seu testemuño.

Finalmente, a xornada pecharase coa proxección de documental ‘Sacar a la luz’ de “Art al Quadrat”, no que se verá como o misóxino franquismo humillou ás mulleres do bando perdedor da guerra civil española, recuperando a memoria das vítimas a través das mulleres que as precederon con testemuñas de fillas e netas.

As persoas que queiran asistir deben inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web da Deputación. A entrada será de balde e a capacidade (100 persoas) cubrirase por orde de chegada das solicitudes. Para quen non poida asistir presencialmente farase unha retransmisión en liña en directo a través da web e unha vez rematadas as xornadas as sesións colgaranse na canle de Youtube da Deputación e no apartado de Memoria da web provincial.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.