Noticias

Iria Campos e Ramón Troncoso conquistan o "DepoDesafío" 2019 tras a espectacular proba do tríatlon de Vigo

O deportista vigués do Atletismo Porriño non lles deu opción aos seus rivais cun recital en Samil. Iria, do Triatlón Motobike Galaico de Pontevedra, non puido participar, pero a vantaxe que levaba na xeral dálle a vitoria no circuíto da Deputación


26 outubro 2019
DepoDesafío

A segunda edición do "DepoDesafío", a esixente proba deportiva da Deputación de Pontevedra, xa ten quen leve a súa coroa. O circuíto pechouse este sábado en Vigo cunha auténtica festa do deporte nos arredores da praia de Samil, que serviu para recoñecer a súa gañadora, a atleta lalinense Iria Campos, do Triatlón Motobike Galaico de Pontevedra, e o seu gañador, o deportista vigués Ramón Troncoso, do Atletismo Porriño, como os grandes vencedores deste ano.

Nun ambiente de luxo e ante centos de persoas, entre as que estaban a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o deputado de deportes, Gorka Alonso, Ramón e Iria, aínda que ela non puido participar na etapa, selaron o seu liderado na clasificación xeral despois deste tríatlon. Nesta última proba do circuíto disputáronse 750 metros de natación na ría viguesa, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros da carreira a pé, e puido seguirse en directo polas redes sociais da Deputación. Coa súa vitoria no "DepoDesafío" 2019, Iria e Ramón gañan un dorsal personalizado e intransferible para a Maratón de Berlín 2020, voo e aloxamento para eles e os seus ou as súas acompañantes, e poderán vivir unha experiencia única coma da que gozaron Ariana González e Brais Misa, gañadores da primeira edición.

Ramón Troncoso, quen ademais da xeral gañou de forma incontestable o tríatlon de Vigo, recolleu o seu trofeo das mans da presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do deputado de deporte, Gorka Alonso, mentres que o de Iria foi recollido no seu nome pola súa compañeira Andrea Orsoyla. Troncoso mostrou a súa emoción "porque non hai nada máis bonito que gañar na casa". O atleta vigués, que lle brindou a súa vitoria "á miña familia e ao meu equipo, o Atletismo Porriño", cualificou o "DepoDesafío" como "un superformato, porque non hai ningunha proba coma esta en Galicia e cun premio como estar na maratón de Berlín, do que vou gozar moito".

A presidenta provincial, Carmela Silva, felicitou a Iria Campos e a Ramón Troncoso "nun día marabilloso para un circuíto ao que cada ano se suma máis xente e do que estamos moi orgullosas". Silva deixou claro que o futuro do "DepoDesafio" está asegurado. "Para o ano que vén, máis e mellor", rematou.

Así, dúas semanas despois de que a meteoroloxía impedise a realización desta última proba do circuíto deportivo da Deputación, Samil e os seus arredores foron o mellor escenario para a última etapa que pecha o formato deste ano, o cal comezou no pasado mes de xuño coa proba ciclista BTT das Neves, a travesía a nado de Combarro (Poio), a carreira a pé nocturna de Vilagarcía de Arousa e o trail de Cuntis.

Fotos