Noticias

Iria Campos e Ramón Troncoso lideran a clasificación xeral do "DepoDesafio" 2019 tras o trail de Cuntis e a falta do tríatlon de Vigo

En Cuntis Sara Castillo e Víctor González dominaron a proba organizada pola Deputación de Pontevedra na que participaron máis de 200 persoas


09 setembro 2019
DepoDesafio

O espectacular trazado do trail de Cuntis situou finalmente a Iria Campos e Ramón Troncoso no liderado da clasificación xeral do "DepoDesafío" 2019. Iria, segunda na proba desta fin de semana, ampliou a súa vantaxe sobre a súa perseguidora na xeral, Cristina García, e xa son 275 puntos os que as distancian a falta dunha soa carreira, o tríatlon que acollerá Vigo o domingo 13 de outubro. Pola súa banda, Ramón Troncoso asaltou o liderado grazas ao terceiro posto acadado no trail de Cuntis, superando na xeral a Alexandre Paz por só 40 puntos.

No trail de Cuntis a gañadora foi Sara Castillo, que cruzou a liña de meta con máis de 8 minutos de vantaxe sobre Iria Campos. En categoría masculina Víctor González impúxose cunha renda de minuto e medio sobre Óscar Piñeiro. Esta etapa de aproximadamente 16 quilómetros foi a cuarta e penúltima proba do "DepoDesafío" 2019, unha vez xa tiveran lugar a proba ciclista BTT das Neves, a travesía a nado de Poio e a carreira nocturna de Vilagarcía de Arousa. A última parada do circuíto da Deputación de Pontevedra, que será un tríatlon en distancia 'sprint' nos arredores da praia de Samil, terá lugar o domingo 13 de outubro. As inscricións, que poden formalizarse na web da institución provincial, están abertas ata o 7 de outubro.

Tal e como aconteceu na primeira edición, a gañadora e o gañador final da clasificación do "DepoDesafío" 2019, para a que teñen que ter participado en 4 das 5 probas, recibirán como premio o dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos. De feito, a finais deste mes de setembro viaxarán á capital de Alemaña Ariana González e Brais Misa, gañadores de 2018.

Fotos