Noticias

Isaura Abelairas abre o módulo de Sensibilización en Igualdade de oportunidades na Escola de Enfermería

Este novo curso, organizado polo Servizo de Igualdade da Deputación, será impartido por Mercedes Renda, presidenta de APAIOGA


04 novembro 2018
Escola de Enferemería

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistirá este martes 6 de novembro, ás 12.00h, ao inicio do módulo formativo "sensibilización en igualdade de oportunidades para o alumnado da Escola de Enfermería de Pontevedra", que impartirase, coa organización da Deputación de Pontevedra, en dita Escola de Enfermería.

Por segundo ano consecutivo, a Deputación puxo en marcha dúas accións formativas de sensibilización, "Atención sanitaria transpositiva a menores con identidades sexuais non normativas" e "Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades", na Escola de Enfermería. A primeira tivo lugar en outubro e este novo curso será impartido en novembro, concretamente durante os días 6, 13 e 20, de 12.00h a 14.00h.

Esta segunda acción formativa será impartida pola presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega APAIOGA, Mercedes Renda. Nestas sesións vanse desenvolver tres temas principais: o sistema sexo-xénero (a discriminación como fenómeno estrutural), os roles e estereotipos, e, tamén, as violencias de xénero, o acoso e agresións sexuais e o ciberacoso. Ambos módulos, encaixados dentro da iniciativa do Servizo de Igualdade da institución provincial de levar a cabo proxectos que sensibilicen e formen ao alumnado, procuran impulsar a igualdade, dar unha visibilización positiva da diversidade sexual e defender os dereitos das e dos menores con identidades sexuais non normativas.

A Escola de Enfermaría naceu hai máis de 40 anos da man da Deputación de Pontevedra ocupando nun primeiro momento as instalacións do antigo "Fogar Provincial" e desde o 1993 a cuarta e quinta planta do Hospital Provincial. Durante as súas catro décadas de vida acolleu nas súas aulas a máis de 2.000 alumnas e alumnos.