“Isidoro Gatuno” elixido como nova mascota dos campamentos “Depo Aventura A Lanzada”

A festa e a elección da mascota, elaborada por rapaces e rapazas da terceira quenda e que servirá de imaxe para o programa 2023, poñen o broche á edición deste ano

09/09/2022

Peche A Lanzada

Coa tradicional festa de despedida e coa elección da súa nova mascota, os campamentos de  “Depo Aventura A Lanzada” promovidos pola Deputación chegan hoxe ao seu remate despois de dous meses e medio de intensa actividade deportiva, de lecer e de educación en valores que puideron desfrutar 1.540 rapaces e rapazas da provincia. A proposta Isidoro Gatuno, que foi presentada polos e polas participantes da 3ª quenda dos campamentos, foi elixida gañadora e será polo tanto a imaxe do programa provincial para o vindeiro ano 2023.

Todas as figuras candidatas foron elaboradas polas nenas e nenos con materiais naturais e de refugallo e, en concreto, a gañadora foi feita con cartón, pinturas e piñas. Esta mascota, “Isidoro Gatuno”, impúxose á Alexo o cangrexo; Newt Salamander,; Pepiño o paxariño; Amparito o gusanito; Pecinho; Doris a xirafa; Manolo o centolo; Mariña a oruguiña; Bartolo o pez globo e Roi o boi, elaboradas no resto das quendas deste verán.

A Deputación recuperou os campamentos neste 2022 despois de dous anos de parón pola pandemia. En total, desde finais de xuño foron 11 as quendas nas que cada semana estiveron 140 crianzas de entre 8 e 13 anos. A través de “Depo Aventura” puideron desfrutar nunha contorna privilexiada dun amplo programa de actividades culturais, de coñecemento e deportivas para desfrutar en convivencia, este ano baixo a temática “A Lanzada, un paseo pola Historia”. Entre as propostas, figurou un obradoiro dedicado ás mulleres científicas, actividades para o coñecemento da lingua de signos, iniciación á inmersión lingüística en inglés ou a feira romana Arde Lanzadus, que se sumaron a unha oferta deportiva que incluíu tiro con arco, bodyboard, snorkel, xogos de praia, malabares ou sesións doutros deportes minoritarios. Todas as actividades foron prestadas por un equipo especializado.

A Deputación levou a cabo tamén neste ano unha renovación no recinto  coa ampliación das tendas e a mellora e modernización das instalacións, coa mellora da zona de comedor e o acondicionamento da zona arborada, para que os nenos e nenas desfrutasen nas mellores condicións da experiencia.

Galerias de imaxes