Noticias

A Deputación aproba a contratación da mellora da intersección da EP Cerdedo-Santo Domingo coa N-541, en Cerdedo, por 382.000 €, e concédelle unha axuda ó Concello para melloras viarias, por 67.500 €


13 feb 2015

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, o expediente de contratación da obra de mellora da intersección da EP Cerdedo-Santo Domingo coa N-541, en Cerdedo, cun orzamento do contrato de 382.330 €. Aprobou, así mesmo, a concesión dunha subvención ó Concello de Cerdedo de 67.569 € para pavimentacións de vías e camiños.

A mellora da intersección destas estradas en Cerdedo eliminará un punto da vía de gran perigo debido ó escaso ángulo de xiro, á escasa visibilidade, á forte pendente e ó pronunciado cambio de rasante que presenta agora.

Na actualidade ambas as interseccións teñen un ángulo moi reducido, o que, unido a unha forte pendente e a un pronunciado cambio de rasante, fai moi perigoso este punto da vía, algo que se incrementa pola escasa visibilidade, que obriga os vehículos a ocupar parte da calzada da N-541 antes de poder realizar a incorporación.

A primeira das interseccións mencionadas sitúase no punto quilométrico 64,4 da N-541, onde se localiza o acceso a poboacións coma Barro, Meijide, Abelaíndo e Carballás. A segunda está a 200 m da primeira, na estrada municipal que leva á praia fluvial e ós núcleos de Cabenca, Revolta e Lourido.