Noticias

A Deputación entrégalles a 53 persoas diplomas dos cursos do proxecto "aQuelando3", que permite obter o certificado de profesionalidade


23 xan 2015
53 persoas obteñen o certificado de profesionalidade
53 persoas obteñen o certificado de profesionalidade

Un total de 53 participantes nos cursos do proxecto "aQuelando3", que realizaron prácticas non laborais, recibiron hoxe de mans da deputada Ana Isabel Vázquez os diplomas acreditativos nun acto que tivo lugar no salón de plenos da Deputación de Pontevedra.

Os cursos realizados foron o de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio; o de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais; o de Limpeza de Superficies e Mobiliario en Edificios e Locais; o de Dirección e Coordinación de Actividades de Tempo Libre Infantil e Xuvenil; o de Asistencia á Dirección; e o de Actividades de Venda.

Ana Isabel Vázquez lembrou que a Deputación de Pontevedra está inmersa no desenvolvemento de políticas para o fomento do emprego mediante a realización de prácticas.

1.323 persoas contratadas

O pasado ano púxose en marcha un Plan de práctica laboral nos concellos da provincia de Pontevedra e en empresas privadas, dirixido a titulados universitarios e de formación profesional sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ó mercado de traballo.

Desde a posta en marcha deste plan un total de 1.323 persoas foron contratadas e tiveron a oportunidade de integrarse no mercado laboral durante 6 meses, coa posibilidade de permanecer ata un ano. Para este está prevista a convocatoria para que, polo momento, 200 persoas participen nas prácticas laborais.

Co proxecto "aQuelando3" a Deputación de Pontevedra tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas pero enfocadas á formación profesional e dirixidas a persoas que non teñan titulación universitaria. Ademais, existe unha axuda económica para realizalas.

A formación teórico-práctica que se imparte dentro do proxecto "aQuelando3" está asociada á obtención do certificado de profesionalidade, grazas a un convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Esta acreditación mellora as posibilidades de atopar un traballo xa que actualmente no sector de atención sociosanitaria é requisito necesario para poder acceder a un posto.

Selección e nova convocatoria

Os diplomas que se entregaron hoxe correspóndense cos cursos correspondentes á 2ª edición da formación do mencionado proxecto.

Actualmente estanse a impartir os correspondentes á 3ª edición, cun total de 24 cursos, 19 que xa están en marcha e 5 máis que van comezar no vindeiro mes de febreiro. Para o mes de marzo porase en marcha a 4ª edición, con 6 cursos de Docencia da Formación Profesional para o Emprego.

Igualmente, a partir do mes de marzo iniciarase o proceso de selección de 40 persoas para realizar outra edición de prácticas nos sectores de Atención Sociosanitaria no Domicilio e Institucións Sociais, Servizos de Limpeza e Actividades de Ocio e Tempo Libre.