Noticias

A Deputación pon en marcha cursos de formación práctica para 40 desempregados para a inserción laboral

As prácticas serán de 300 horas en empresas de atención social, ocio e tempo libre e servizos de limpeza


19 xan 2015

A Deputación de Pontevedra anuncia a posta en marcha da formación práctica para a inserción laboral promovida polo proxecto aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

O obxectivo desta modalidade formativa é darlles unha oportunidade ás persoas desempregadas que teñan formación ocupacional axeitada, poñéndoas en contacto co mercado laboral a través da realización de prácticas non laborais.

As prácticas non laborais realizaranse nas seguintes especialidades formativas: atención sociosanitaria a persoas no domicilio; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; dinamización de actividades do tempo libre infantil e xuvenil; e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.

Realizaranse 300 horas de prácticas en entidades e empresas dedicadas ó traballo de atención a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, ó desenvolvemento de actividades de ocio e tempo libre, así como á realización de servizos de limpeza.

Será necesario, ademais, realizar 20 horas de formación transversal, na modalidade a distancia, en: igualdade de oportunidades, novas tecnoloxías da información, medioambiente e fomento da non discriminación e loita contra a exclusión.

Bolsa, condicións e inscrición

Na realización das prácticas poderase conceder unha bolsa para axuda á formación. A participación é gratuíta; os que realicen prácticas integraranse nas accións de aQuelando3 e serán informados e orientados para promover a súa integración no mercado laboral.

Esta formación vai dirixida a persoas desempregadas e empadroadas na provincia, a excepción das empadroadas en Vigo e Pontevedra, por teren estes concellos proxectos propios.

Poderán participar 40 persoas. Para facelo é preciso ter formación regrada ou ocupacional (mínimo de 200 horas teóricas relacionadas co sector para a especialidade de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e de 300 horas teóricas para o resto das especialidades formativas).

Os interesados que cumpran cos requisitos pasarán por un proceso de selección realizado polo persoal técnico do proxecto aQuelando3. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web aQuelando3.depo.es