Noticias

A Editorial da Deputación de Pontevedra mostra na Feira do Libro un amplo abano das súas 735 publicacións e novidades aínda non presentadas


15 abr 2015
Feria do Libro de Pontevedra

Ata o vindeiro 19 de abril a Deputación de Pontevedra, a través da súa Editorial, estará presente na Feira do Libro de Pontevedra cunha importante mostra da súa produción bibliográfica, que, desde a creación deste servizo, ofrece un catálogo de 735 publicacións.

Para achegar unha visión clara do que a institución provincial ten ó alcance de todos a Editorial expón na súa caseta unha mostra das súas edicións tanto en papel coma en DVD.

Dese xeito poderanse consultar, de forma persoal, distintas edicións (entre elas as máis representativas ó longo da súa evolución desde fai 27 anos) e, sobre todo, as últimas novidades editoriais, con títulos coma Club Cisne BM. 50 anos de historia; De Sanatorio Gil Casares a Pousada de A Lanzada; Pazos Gallegos. Materiales para su estudio; O cego de Padrenda; ou Los Centros de la emigración pontevedresa en Buenos Aires, entre outros moitos.

De Castelao á Casa Caamaño

A caseta da Editorial da Deputación ofrece tamén novidades editoriais que aínda non foron presentadas publicamente, tan interesantes coma Cousas de Nenos. Unha aproximación á representación da infancia en Cousas da Vida de Castelao; Pontevedra. Unha provincia de sensacións; ou Casa Caamaño. Su historia y su patrimonio cultural.

Coa súa participación nesta feira a Deputación engade un novo punto de divulgación da súa actividade no eido cultural, para que todos os cidadáns teñan acceso ó continuo traballo que se fai desde a institución para dar a coñecer o rico patrimonio cultural da provincia. A Feira do Libro de Pontevedra poderá visitarse ata o 19 de abril na praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h.