Noticias

"La Ultramar, Taberna Atlántica", un novo laboratorio gastronómico de Pepe Vieira no Museo de Pontevedra

O presidente da Deputación inaugurou esta mañá o novo restaurante na planta baixa do Edificio Sarmiento


30 mar 2015
O presidente da Deputación inaugurou esta mañá o novo restaurante na planta baixa do Edificio Sarmiento

Presentado como un "laboratorio gastronómico" pola deputada Ana  Isabel Vázquez, "La Ultramar, Taberna Atlántica" abriu hoxe as súas portas no Museo de Pontevedra da man dos irmáns Cannas. 

Segundo puxo de manifesto o presidente da Deputación, trátase dunha aposta para "dinamizar o casco antigo de Pontevedra cun atractivo que complemente a actividade museística e que atraia máis visitantes". Situado na planta baixa do Edifico Sarmiento, o  restaurante nace coa vontade de "complementar a oferta gastronómica da cidade" coa pegada propia da marca Pepe Vieira, un selo de calidade que se distingue pola súa capacidade  de refinar e experimentar cos produtos para elaborar os seus pratos.

En "La Ultramar, Taberna Atlántica" a marca Pepe Vieira fúndese coa arquitectura que preside este "lugar emblemático", no que Xosé Cannas agradeceu poder traballar e onde espera "estar á altura".  

A concesión durará cinco anos e, no acordo coa Deputación, a empresa aboaralle ó organismo provincial  un 15 % dos beneficios  xerados.

"La Ultramar", arte e gastronomía

A  proposta dos irmáns Cannas inclúe restaurante, gastrobar, barra de viños, tenda e unha aula formativa.

Neste novo proxecto os irmáns Cannas queren que a súa cociña interactúe cun espazo privilexiado no que se combinan ciencia, arte, tradición e vangarda cos produtos de calidade da nosa terra. "Un espacio acolledor e accesible para todo o mundo", segundo o definiu o propio Xosé Cannas, no que se diferencian dous espazos: a taberna, cun ambiente máis informal, de mesas altas e barra, e a zona de restaurante propiamente dita.

Ademais do aproveitamento da planta baixa do Edificio Sarmiento, o restaurante disporá dunha terraza exterior. Aínda que haberá espazos e ambientes diferenciados, a oferta gastronómica será o nexo de unión de todos eles, unha oferta centrada en dous eixes fundamentais: a gastronomía local e a vinculación co Museo mediante menús temáticos.

"La Ultramar, Taberna Atlántica" inclúe, na súa proposta gastronómica, unha oferta de 30 pratos accesibles a todo o público, que se renovarán cada temporada. Cun prezo medio de 20/25 euros,  Xosé Cannas asegurou que o se pretende "é que sexa unha oferta accesible a todos os cidadáns de Pontevedra, así como ás persoas que se achegan ó museo e a aquelas persoas que visitan a cidade".

O obxectivo é crear un espazo dinamizador do propio Museo, que sexa un polo de atracción de visitantes e turismo culinario de ámbito galego e nacional. O restaurante terá vida propia, con acceso e horarios independentes da propia actividade museística.

Pepe Vieira

Pepe Vieira é a empresa dos irmáns Xosé e Xoán Cannas, de  recoñecido prestixio no mundo da restauración. Numerosos  recoñecementos ó longo dos 15 anos que levan a traballar (estrela Michelín desde 2008;  dous soles na Guía Repsol; mellor restaurante revelación en 2003 na Madrid Fusión…) atesouran o valor da súa cociña,  na que tradición e calidade van da man. 

Audios

  • Audio
    Rafael Louzán
  • Audio
    Xosé Cannas