Noticias

A Praza de Abastos acolle os días 26 e 27 dúas xornadas de dinamización


24 abril 2019
Lalín

A Praza de Abastos acollerá o venres, día 26 e o sábado, dái 27 unha serie de actividades organizadas pola Asociación Praza de Abastos de Lalín e o Concello. Os obxectivos perseguidos por esta iniciativa son dar a coñecer "O Mercado" e que a colaboración dos praceiros e supermercado cos produtores e consumidores da Comarca resulte dun xeito beneficioso para todos. Trátase de  poñer en valor os nosos produtos, cuestión pola que os propios veciños e veciñas deben ser os primeiros que merquen e consuman nos mercados de proximidade.

A programación é a seguinte:

26 de abril 2019 desde as 9:30h

Día adicado a nenos/as coa participación dos colexios Manuel Rivero e Xesús Golmar, o cociñeiro Iván Méndez e o dietista Mássimo Gioiello serán os que dirixirán a evolución das actividades.

Cada colexio escenificará os procesos de compra e de elaboración no mercado e haberá unha cociña para a realización da actividade.

Serán parte activa da seguinte maneira:

-Daráselles un mandil co lema "Se é de Lalín é bó".

- Percorrerán os postos e o supermercado e coa axuda do cociñeiro e do dietista informaranse sobre "produto de proximidade", "produtor", "pequeno transformador" "compra sustentable"… en definitiva sobre os contidos e significado do lema e como contribúen os produtos da Praza nos hábitos saudables de alimentación.

- Mercarán (simbólicamente) os alimentos e elaborarán receitas, compartindo tarefas e traballando en equipo.

- E por último degustarán as elaboracións finais.

 Día 27 de abril 2019 a partir das 12:00h

Xornada para adultos que consistirá na degustación de petiscos elaborados polo cociñeiro Alberto Currás.  Elaboraranse petiscos con produtos da praza con posterior degustación acompañada do vermú galego Povarelo e de música en directo.

Dende a Asociación de Praceiros e o Concello convídase a toda a veciñanza a participar nas actividades e agárdase que resulten do agrado dos asistentes e que aqueles que non tiveran ocasión de acercarse a coñecer a renovación feita nas instalacións do mercado se acheguen.

Aproveitamos para informar da exposición pictórica sobre a colección do Marquesado de Romea (Antón Iglesias) que temos no Mercado hasta o 25 de maio.