Noticias

Lalín acolle este mes de febreiro sete novos obradoiros do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 febreiro 2019
SmartPeme Lalín

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acolle durante este mes de febreiro sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

A primeira cita do mes na oficina "SmartPeme" de Lalín terá lugar o martes 5 de febreiro, ás 19.00 h, en concreto o curso "Social Media Listening: o que se din do teu negocio no Internet". A segunda cita será esa mesma semana, o 7 de febreiro, cando a partir das 19.00 h celebrarase "Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console". O martes 12 de febreiro, ás 19.00 h, terá lugar en Lalín o curso "Fotografía de produto: todo o que debes saber" e o xoves 14, á mesma hora "Accións de marketing en Linkedin para empresas e autónomos". O seguinte obradoiro será "Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics", que organizarase o martes 19 de febreiro ás 18.00h.

Por último, o mércores 27 de febreiro ás 19.00 h impartirase, esta vez no viveiro de empresas da Estrada, o curso "Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades" e o xoves 28, ás 17.00 h, "Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña".

A oficina "SmartPeme" de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.