Noticias

Lalín acolle este mes de marzo sete novos obradoiros do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


04 marzo 2019
SmartPeme Lalín

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acolle durante este mes de marzo sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

A primeira cita do mes na oficina "SmartPeme" de Lalín terá lugar o martes 5 de marzo, ás 19 h, en concreto o curso "Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?". O xoves desa mesma semana, á mesma hora, levarase a cabo o obradoiro "Pasarelas de pago para o comercio electrónico". A terceira cita será o martes 12, cando a partir das 17 h celebrarase "Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos". O xoves 14, ás 19 h, é a quenda de "Utiliza Instagram para promocionar e vender os teus produtos". O xoves 21 de marzo, ás 19 h, terá lugar en Lalín o curso "O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram". No Viveiro de Empresas da Estrada, o mércores 27, ás 18 h, celébrase "Crea unha páxina profesional con WordPress". Por último, o xoves 28, ás 19 h, chegará o obradoiro "Fotografía os teus produtos e servizos para as redes sociais".

A oficina "SmartPeme" de Lalín, no viveiro de empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.