Noticias

Lalín acolle este mes de xuño sete novos obradoiros do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


05 xuño 2019

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acolle durante este mes de xuño sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes na oficina "SmartPeme" de Lalín terá lugar este xoves 6 de xuño, ás 17 h, en concreto o curso "Fotografía para xoiería". O martes 11, á mesma hora, levarase a cabo o obradoiro "Empresas de actividades turísticas e plataformas de comercialización en liña". A terceira cita será o xoves 13, cando a partir das 19.h terá lugar "Copywriting aplicado a web e redes sociais". O martes 18, ás 18 h, é a quenda de "Crea a túa tenda en liña con Prestashop". O xoves 20 de xuño, ás 19 h, terá lugar en Lalín o curso "O teu plan de márketing dixital paso a paso". No Viveiro de Empresas da Estrada, o martes 25, ás 19 h, terá lugar "Como utilizar Instagram para promover a túa empresa". Por último, o xoves 27, ás 19 h, chegará o obradoiro "Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM".

A oficina "SmartPeme" de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.