Noticias

Lalín acollerá en outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


01 outubro 2019
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme en Lalín. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Así, os cursos que se impartirán desde o 3 ata o 30 de outubro serán os seguintes: Optimiza a túa Páxina de Facebook, que terá lugar o xoves 3 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Fotografía de Produto: Todo o que Debes Saber, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Páxina Profesional con WordPress, que está programado para o martes 15 de outubro, de 18 a 21 horas; Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, o xoves 17 de outubro, de 17 a 19 horas; Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web, cuxo horario será de 19 a 21 horas do martes 22 de outubro; e, finalmente, Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que se desenvolverá no viveiro de empresas da Estrada, o mércores 30 de outubro, entre as 19 e as 21 horas.

Estes obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E), a excepción de Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que terá lugar no viveiro de empresas da Estrada. As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).