Noticias

Lalín acollerá en setembro seis novas accións formativas do programa "SmartPeme"

O programa da Deputación está dirixido á adaptación das empresas e proxectos emprendedores ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


01 setembro 2019
SmartPeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de setembro seis novas accións formativas do programa "SmartPeme" en Lalín. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Máis polo miúdo, os cursos que se desenvolverán en Lalín serán os seguintes: Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que terá lugar o martes 3 de setembro de 17 a 19 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ao teu Instagram, o xoves 5 de setembro de 18 a 21 horas; O teu Plan de Márketing Paso a Paso, o martes 10 de setembro de 18 a 21 horas; Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa, o xoves 12 de setembro de 19 a 21 horas e, por último, O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram, o martes 17 de setembro de 19 a 21 horas. Por outra banda, na Estrada desenvolverase o obradoiro Fotografía os teus Produtos ou Servizos para as Redes Sociais, o mércores 25 de setembro de 19 a 21 horas.

Os obradoiros en Lalín impartiranse no Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000, mentres que o da Estrada terá lugar no Viveiro de Empresas da localidade. As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.


Novas relacionadas

SmartPeme Lalín

07 xaneiro 2019, obradoiros, cursos, novas tecnoloxías, smartpeme, empresas