Noticias

Finalizan as obras no Centro Hípico de Mouriscade coas que se pechou a pista cuberta para evitar a entrada de auga e dar resposta ás demandas dos seus usuarios

Os afeccionados á equitación -moitos deles nenos e nenas que acoden a clases desta práctica deportiva- teñen agora garantido, a pesar da chuvia, un espazo adecuado para desenvolver as súas actividades.


09 abril 2019
Lalín
Centro Hípico de Mouriscade

O Concello de Lalín vén de finalizar as obras de construción do peche perimetral da pista cuberta de prácticas de equitación do centro hípico de Mouriscade. Esta obra era moi necesaria e demandada dende o club, xa que a pesar de ser unha pista cuberta, a falta dunha protección lateral provocaba en días de chuvia a entrada de abundante auga, impedindo o seu uso. Porén, esta actuación resolve unha reivindicación histórica do centro e evitará que entre auga ao recinto durante o inverno como sucedía con anterioridade, obrigando en ocasións ao club a suspender as clases co prexuizo conseguinte para os alumnos e alumnas. Deste xeito garántese que unha das pistas esta sempre en condicións para poder impartir as actividades.

O Concello de Lalín destinou un orzamento de 28.680 euros para á execución desta intervención, procedentes da liña 1 Plan de Concellos de Concellos da Deputación de Pontevedra. A parede construíuse  en bloque oco de formigón prefabricado de árido denso con columnas intermedias e con remate superior en viga. Tamén se realizou un enfoscado mestrado e fratasado de parámetros verticais en bloque, con espesor de 15 mm e realizado en morteiro. O acabado executouse mediante a aplicación de pintura plástica apta para exteriores. O proxecto tamén incluiu a construción do denominado "gardabotas", un elemento de protección que se realizou nun material acolchado e se colocou cubrindo ata 1,30 metros de altura en todo o perímetro do peche e que sirve para evitar que os cabalos se acerquen ao muro de formigón trabando contra o mesmo a perna dos xinetes.

A dirección do centro mostrou a súa satisfacción co resultado dunha actuación que permite dar solución á unha das súa principais demanda. Os afeccionados á equitación -moitos deles nenos e nenas que acoden a clases desta práctica deportiva- teñen agora garantido a pesar da chuvia un espazo adecuado para desenvolver as súas actividades.