Noticias

O balonmán de Lalín fai historia acollendo por vez primeira un sector estatal xuvenil feminino, que se celebrará do 12 ao 14 de abril no arena


09 abril 2019
Lalín
O balonmán de Lalín fai historia acollendo por vez primeira un sector estatal xuvenil feminino

O Concello de Lalín acolleu esta tarde a presentación da fase zonal do Sector Estatal Feminino Xuvenil que se vai celebrar os días 12, 13 e 14 de abril no Lalín Arena organizado polo Club Balonmán Lalín coa colaboración do Concello de Lalín. Con este campionato o balonmán feminino lalinense entra na historia da man do Coreti xuvenil, xa que é a primeira vez que a capital dezá acolle un sector feminino e que un equipo do Club balonmán Lalín se clasifica para un campionato que nesta fase se divide en 8 grupos e onde participan os 32 mellores equipos de España.

En representación do Goberno local estivo presente o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que se mostrou satisfeito de que un ano máis se organice en Lalín un sector de balonmán, pois van 4 consecutivos. Ao mesmo tempo, afirmou que para o Concello foi un auténtico orgullo poder colaborar cos diferentes sectores de balonmán base que tiveron lugar nos últimos anos, pero non obstante, o que considerou como de maior orgullo, é o feito de que o Balonmán Lalín consiga meter cada ano algún equipo nestas competicións. Casares achacou o bo nivel que vive este deporte no noso municipio ao enorme traballo que leva a cabo a directiva do Club, agradecendo tamén a colaboración que realizan empresas privadas co deporte como neste caso é Coreti. O tenente de alcalde deulles os parabéns ás deportistas do equipo xuvenil feminino presentes no acto e desexoulles moita sorte, augurándolles un excelente torneo grazas ao plus que supón xogar na casa. Para rematar animou a todos os veciños e veciñas a acudir ao torneo e apoiar as rapazas lalinenses creando un bo ambiente no Arena.

Pola súa banda, o adestrador do Coreti Lalín feminino, Budi, dixo que participar no sector estatal era un premio ao esforzo de toda a tempada e a moitos anos de traballo de moita xente e de moitas xogadoras que pasaron antes polo equipo. Asegurou que sairían a desfrutar deste momento sen pensar soamente en gañar, aínda que de facelo sería histórico. Lembrou que no Club Balonmán Lalín compiten centos de rapazas polo que a liña de traballo destes anos está dando os seus froitos e agardou que o balonmán feminino siga crecendo.

Tamén interviu Sandra Blanco, a capitá do equipo, que afirmou estar moi orgullosa das súas compañeiras e do apoio recibido por parte de todo o mundo, un aspecto que -afirmou- lles servirá para facer un moi bo papel no torneo. Para rematar,  animou a todo o equipo a desfrutar desta oportunidade histórica.

Pola parte da directiva do Coreti Lalín, estivo presente Miguel Pereiro "Ventoso", que lembrou que este grupo directivo leva xa participado en 9 sectores. A pesar disto, non lle restou importancia ao presente "xa que aínda que poida parecer fácil é froito dun traballo inxente de moitos anos doutras directivas e desta mesma que agora dá estes magníficos resultados". A continuación parabenizou as xogadoras presentes e agradeceu a colaboración do Concello e dos patrocinadores.

Pechou a comparecencia Luís Vilela, presidente da empresa patrocinadora Coreti Lalín, quen lle desexou a mellor das sortes ás participantes e afirmou que a súa entidade continuará colaborando co deporte base.  O grupo B disputarase en Lalín, organizado polo BM Lalín.

O conxunto lalinense enfrontarase a Balonmano Gijón (Asturias), Puerto del Carmen (Canarias) e Gasóleos Vallejo Fuentes Carrionas (Castela e León), todos eles clubs de grande nivel, entre o que destaca como favorito o Gijón, con 7 xogadoras  que participan na Selección Española.

Horarios:

Coreti Lalín vs Puerto del Carmen, venres ás 20.45.

Coreti Lalín vs Gijón, sábado ás 17.30.

Coreti Lalín vs  Gasóleos Vallejo Fuentes Carrionas, domingo ás 12.30.