Noticias

O Concello contrata o novo proxecto técnico para a humanización de Alcalde Ferreiro

Paralelamente adxudicouse a contratación do estudo xeotécnico que precisa esta intervención


15 maio 2019
Lalín
Pavimentación Alcalde Ferreiro

O Concello de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno a contratación do proxecto técnico para a humanización da rúa Alcalde Ferreiro, que inclúe tamén a dirección facultativa da obra e o plan de seguridade e saúde. A empresa encargada de desenvolver o documento será Lar Taller de Arquitectura, a quen lle foi adxudicado o traballo por unha cantidade de 15.434,15 euros. Por outra banda, como informa o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, tamén se aprobou a contratación do estudo xeotécnico necesario para executar esta intervención e que neste caso lle foi adxudicado a Eurotec Inspección SLU por 3.775,20 euros.

A redacción dun novo proxecto técnico vén dada tras detectárense unha serie de carencias no proxecto anterior, en concreto no referente á reconstrución das beirarrúas, circunstancia que provocou que o Concello e a empresa que ía executar as obras chegasen á decisión de rescindir de mutuo acordo e sen indemnización o contrato para a reposición das beiravías. Non obstante, como indica o concelleiro, "traballamos para converter esta circunstancia nunha oportunidade que nos vai permitir replantexar a actuación e optimizala en beneficio dos veciños e veciñas". "No Goberno estamos  firmemente comprometidos con esta intervención e por iso axilizamos ao máximo esta tramitación e axilizaremos a posterior execución para que a rúa poida estar acondicionada canto antes, dando así resposta ás necesidades da veciñanza", engadiu o concelleiro.

Francisco Vilariño reiterou que esta obra responde ao interese do Goberno por mellorar unha rúa céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial, que une, ademais, outras dúas vías de relevancia dentro da trama urbana lalinense (rúas Antonia Ferrín e Melide). O edil destacou que malia os contratempos técnicos e alleos por completo á tramitación administrativa do proxecto, o Goberno segue a traballar arreo, en sintonía coa veciñanza, para mellorar substancialmente as condicións dunha rúa na que xa foi substituída a capa de pavimento pero que precisa unha recuperación integral.

Esta actuación únese aso proxectos xestionados pola concellería de Obras e que se desenvolverán nas rúas Memorias dun Neno Labrego, Calzada, Monte Faro e Maruja  Gutiérrez que permitirán transformar Lalín e facelo moito máis accesible, atractivo e humano.