Noticias

O Concello de Lalín creará un mural urbano para mellorar o aspecto estético da vila e xerar un novo atractivo para veciños e visitantes

Cestola na Cachola, cooperativa á que pertencen os artistas, Miguel Peralta e Xoana Almar, será a entidade encargada da obra


22 maio 2019
Lalín
Concello de Lalín

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín creará un mural urbano nunha fachada dunha edificación da vila, co obxectivo de embelecela e xerar un novo espazo con grande atractivo para veciños e visitantes a través deste tipo de arte pictórico na rúa. Como informou o edil, a obra será executada pola cooperativa Cestola na Cachola, que entre outras áreas se dedica ao muralismo. A esta entidade pertencen os prestixiosos artistas, Xoana Almar e Miguel Peralta, que foi o encargado de deseñar o cartel da LI Feira do Cocido, unha obra que gozou dunha enorme acollida. Casares explicou que se está buscando unha fachada apropiada para dar cabida ao mural, tanto na súa ubicación como na súa superficie, posto que se vai tratar dunha obra artística de grandes dimensións. Nesta liña indicou que xa se estudaron varias opcións pero sen ter polo momento un enclave pechado, de xeito que tamén animou ás comunidades de veciños de Lalín que conten cunha fachada que poida reunir as condicións para o mural a comunicarllo ao concello. A intervención conta cun orzamento duns 6.000 euros procedentes dunha achega da liña 2 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra.

A creación deste mural permitira mellorar esteticamente zonas urbanas incompletas ou degradadas, bastante comúns en Lalín froito do gran parón  que sufriu o municipio coa crise económica de 2008 e que afectou de xeito moi especial ao sector da construción. Así mesmo, permitirá renovar a malla urbana e mellorar o atractivo  da vila máis dinámica e alegre tanto para veciños como para visitantes. Cestola na Cachola xa ten murais urbanos en Santiago de Compostela, Ordes, Carballo, na Ribeira Sacra ou en Ribadumia, entre outro lugares.