Noticias

O Concello de Lalín dálle a coñecer o proxecto de humanización da avenida Xosé Cuíña aos propietarios de terreos afectados pola actuación

Casares explicou que na xuntanza se valoraron diferentes alternativas para conseguir os terreos necesarios para a obra, ofrecéndose a posibilidade de poder levar a cabo convenios de aproveitamento urbanístico ou mercar os terreos


01 marzo 2019
Lalín
Reunión

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, mantivo na noite de onte unha reunión cos veciños e veciñas de Lalín con propiedades na zona da Avenida Xosé Cuíña na que se executar o proxecto de humanización e urbanización incluído dentro das múltiples actuacións da EDUSI Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% por fondos europeos FEDER no marco do POCS 2014-2020. Casares estivo acompañado polos arquitectos da empresa ARCO,  encargada de redactar o proxecto, Carlos Durán e Luís Fernández.

O encontro serviu como primeira toma de contacto entre concello e propietarios para darlles a coñecer a visión e as características da actuación así como para presentarlles o seu alcance e como afectaría aos terreos próximos á zona na que se vai intervir. Casares explicou que na xuntanza se valoraron diferentes alternativas para conseguir os terreos necesarios para a obra, ofrecéndose a posibilidade de poder levar a cabo convenios de aproveitamento urbanístico ou mercar os terreos. En todo caso, serán os donos dos predios os que decidan acollerse a unha ou outra modalidade. Nicolásn González Casares avanzou que se van continuar celebrando reunións e que na xuntanza existiu un consenso total sobre a necesidade de acometer este proxecto.

O principal obxectivo da iniciativa é transformar un treito da circunvalación nunha avenida de verdade, unha vía moi funcional tanto para o vehículo como para os peóns, co conseguinte incremento da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade e a mobilidade no ámbito de actuación, que neste caso corresponde con ambas marxes da Avenida Xosé Cuíña entre a rotonda de Wily e o acceso ao centro comercial Pontiñas.

A proposta de ARCO resolve as circulacións peonís (con dúas beirarrúas de 4m), e as de vehículos, tanto a motorizada (con unha calzada dobre de dous carrís en cada sentido de 3,5m) como a de bicicletas (con un carril de dobre sentido e 3m). Conta ademáis cun carril de aparcamentos (de 2,20m, no que se alternan árbores), xunto con dúas franxas verdes (de 1,40m cada unha) para completar a sección da vía e delimitar os espazos.

A vía mantén os dous carrís por sentido, se ben agrupados dous a dous, cunha disposición que permite compoñer o viario do ámbito urbano no que se ubica, de tal xeito que se logra unha circulación fluída ao tempo que se asegura a conexión do vial coas rúas anexas de modo eficiente, versátil e con capacidade estruturante no entramado da vila. Por outra banda, execútanse tres franxas verdes arboradas, as cales fan que a avenida se perciba coma unha vía verde e representativa por excelencia. A proposta promove o tráfico peonil, proporcionando suficientes pasos, cruces e accesos entre marxes e, polo tanto, enter as diferentes dotacións municipais ( como poden ser o Concello, o Lalín Arena ou paseo fluvial do Pontiñas), ao tempo que se asegura a circulación rodada entre áreas anexas á vía.