Noticias

O Goberno de Lalín aproba a licitación do proxecto para converter Lalín nunha "cidade intelixente"

González Casares destacou que esta iniciativa constituirá un antes e un despois na modernización tecnolóxica de Lalín


30 outubro 2018
Lalín
Concello de Lalín

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, informou hoxe de que o Concello de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno a licitación  do proxecto pra o suministro, instalación e explotación dunha "Solución integral Smart City", mediante procedemento aberto enmarcado na estratexia DUSI "Lalín Ssuma21" cofinanciada nun 80% por fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020. Esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo temático número 2, que busca impulsar a integración e o acceso ás novas tecnoloxías co obxectivo de mellorar os servizos públicos e as relacións administrativas coa cidadanía. Concretamente, o proxecto da Smart City sae a licitación por un orzamento duns 250 mil euros dos 960 mil para o global do obxectivo temático.

González Casares puxo de relevo que este proxecto constitúe "un paso moi importante na modernización tecnolóxica de Lalín". "É importante sinalar que o OT 2 no que se enmarca" -engade- "non só busca dotar de servizos tecnolóxicos ao cidadán senón crear entornos atractivos e competitivos tecnoloxicamente, pois onde hai tecnoloxía, instálase máis tecnoloxía", afirmou. Segundo o concelleiro, o lanzamento da Smart City "é unha iniciativa que se pon en marcha xa de xeito moi ambicioso e que permitirá converter Lalín nunha auténtica vila intelixente, constituindo un antes e un despois na modernización tecnolóxica de Lalín e dos seus servizos públicos".

As empresas que queiran optar a este contrato teñen de prazo para presentar ofertas ata o día 13 de novembro. González Casares explicou que a solución proposta para a Smart City estará conformada polos seguintes subsistemas: Sistema de axuda ao aparcameneto, sistema de cartelería dixital, plataforma Smart City e rede de comunicacións wifi. A empresa adxudicataria encargarase da instalación, soporte e explotación de todo o equipamento do sistema e, no caso de que sexa necesario realizar obra civil, tamén correrán a cargo da empresa todas as actuacións necesarias.

O Sistema Intelixente de Axuda ao Aparcamento (SIAE) permitirá recopilar información do estado de ocupación das diferentes zonas de aparcamento público de Lalín e presentala nos paneis de información dos sistema (SCD) para informar a cidadanía en tempo real. O SIAE funcionará sobre o aparcadoiro municipal Aldea Grande e sobre o campo da feira, aínda que no futuro se poderá estender a outros espazos, ofrecendo datos inmediatos de entrada e saída de vehículos, co obxectivo de informar á cidadanía e facilitar o seu uso.

O Sistema de Cartelería Dixital (SCD) consiste na posta en servizo dun sistema de información en tempo real mediante a disposición de paneis electrónicos en diferentes formatos que serán controlados a través dunha plataforma software central de xestión de contidos. Cada panel disporá dunha ou varias pantallas de alta resolución e gran formato en función da súa finalidade. Este sistema de pantallas instalarase en diferentes puntos xeográficos do casco urbano (ambulatorio, praza da Igrexa, concello etc.) e das proximidades, e proporcionarán información de interese para o cidadán sobre todo tipo de cuestións como eventos, actividades, incidencias ou datos de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.

O terceiro eixo de actuación dentro da iniciativa consistirá na posta en servizo dunha plataforma Smart City ou de "control de cidade" que funcionará como sistema central de xestión dos sistemas electrónicos anteriores (SIAE e SCD) baseada nun modelo en Cloud conectado por rede cos diferentes equipos (paneis, cámaras...) e dende o que se poderán xestionar todos eles. Esta plataforma constituirá, en definitiva, o núcleo integrador do sistema Smart City, permitindo interconectar todos os seus compoñentes e dispoñer dunha visión única e unha xestión integrada.

Por último, porase en funcionamento un sistema de comunicacións inalámbricas wifi que proporcionará a conectividade entre os os sistemas e a plataforma Smart City e, ademais, servirá para dotar de conexión aberta e de alta velocidade diferentes instalacións municipais como o concello, a biblioteca, o Lalín Arena e o auditorio. Este proxecto tamén levara consigo unha mellora da seguridade no sistema de conexión inalámbrica que será moi potente e funcionará baixo o sistema "firewall", que permitirá garantir a seguridade de todas as redes do Concello de Lalín.