Noticias

O Goberno de Lalín mostra desacordo coa ubicación elixida por Racso para a planta de reciclaxe de pneumáticos

Considera que a documentación e información existente a día de hoxe non despexa todas as dúbidas sobre as posibles afeccións ao medio ambiente que esta industria pode producir


04 abril 2018
Lalín
Concello de Lalín

O Goberno municipal expresou hoxe o seu desacordo coa ubicación elixida por Racso para posta en marcha dunha planta de reciclaxe de pneumáticos. Este posicionamento débese ás dúbidas medioambientais que suscita a instalación desta industria na localización plantexada, o que se suma a unha importante preocupación veciñal. O Goberno lembra que tras coñecerse a pretensión da mencionada firma para poñer en marcha esta actividade en Lalín, deu inicio a unha serie de procedementos co obxectivo de coñecer ata o máis mínimo detalle e da maneira máis exhaustiva calquera afección ao medio ambiente que esta actividade empresarial poida provocar.

O Concello vén demostrando ser absolutamente escrupuloso en todo tipo de temas relacionados co medio ambiente e vela de maneira primordial pola súa protección e polos intereses e preocupacións dos veciños e veciñas, independentemente doutro tipo de intereses. Porén, tendo en conta estas cuestións e, en vista de que a día de hoxe a documentación e información existente non despexa por completo as dúbidas sobre os posibles efectos que poida ter esta actividade industrial sobre o medio ambiente e, concretamente, sobre contorna máis próxima ao lugar no que se pretende instalar a planta, o Goberno considera que a ubicación elixida pola empresa pode non ser a máis axeitada dende o punto de vista ambiental para albergar este tipo de proceso industrial.

O principal factor de risco que o Goberno contempla con respecto á instalación de Racso versa sobre a cercanía ao núcleo de poboación e o consecuente risco ambiental e para a poboación en caso de producirse accidentalmente un incendio nas instalacións.

O Goberno local vai ser absolutamente garantista con respecto a este asunto, motivo polo que recentemente lle requeriu á Xunta, como administración competente na materia, que despexe calquera tipo de cuestión sobre os posibles efectos que poida ter esta actividade industrial sobre o medio ambiente. Por este motivo tamén se solicitou un informe ampliado á Universidade de Vigo. A solicitude de máis informes tamén se debe á ambigüidade que expresa o elaborado polo técnico municipal de Medio Ambiente que, ao tempo que resolve favorablemente, cuestiona profundamente determinados aspectos do proxecto.

Finalmente, o Goberno lembra que Racso realizou hai meses unha comunicación previa de obras, uns traballos que puido ter iniciado se o Concello non contestase en 15 días. Non obstante, a diferencia doutras ocasións nas que o proxecto non preocupa, ante as dúbidas existentes o Concello foi informando e realizando diferentes requerimentos, o que evitou que comezasen os traballos.