Noticias

O Goberno de Lalín renova o convenio de colaboración con Aspadeza, que compromete unha achega económica municipal de 10 mil euros

Por segundo ano consecutivo, o Concello alcanza esta cantidade para contribuír ao desenvolvemento do programa de atención a persoas con discapacidade que leva a cabo a entidade


03 decembro 2018
Lalín
Convenio Aspadeza

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou esta mañá a renovación do convenio de colaboración entre o Concello de Lalín e a Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos de Deza (Aspadeza), polo que se establece unha achega municipal de 10.000 euros para contribuír ao desenvolvemento do programa de atención a persoas con discapacidade que leva a cabo a entidade, co fin de facilitar e integración social deste colectivo. O Goberno de Lalín realiza, deste xeito, unha nova constatación da súa aposta polas políticas sociais, lembrando o alcalde que o apoio económico a esta asociación se incrementou nos últimos anos pasando de 7 mil a 10 mil euros. Pero ademais, o Goberno municipal non só incrementou a colaboración con Aspadeza, senón que aumentou as prestacións a todas as entidades que traballan no eido social, alcanzándose un novo récord de axuda en 2018, con  22.800 euros de colaboración con diferentes colectivos.

Cuíña e González Casares, que xunto coa presidenta de Aspadeza, María Taboada, e a directiva, Ángeles Baldonedo, participaron na rúbrica, agradeceron a gran implicación da entidade en diferentes propostas municipais. Nesta liña lembraron que o renovado acordo recolle dende o 2016 en materia de colaboración a favor da integración, a posta en marcha de participacións de membros de Aspadeza nos traballos do Desván Municipal e na sinalización dos Roteiros de Lalín, ambas tarefas enmarcadas dentro das accións externas levadas a cabo pola asociación e que os membros do centro ocupacional veñen desenvolvendo de maneira moi eficiente. Do mesmo xeito, o documento volve recoller a colaboración dos usuarios de Aspadeza no mantemento das instalacións do propio centro e a realización de tarefas de limpeza de xardineiras municipais.

Rafael Cuíña e González Casares fixeron fincapé na "importantísima e impagable labor social de Aspadeza, que é todo un referente na atención e na loita en favor da integración das persoas con discapacidade psíquica". Ao mesmo tempo, remarcaron que o Goberno de Lalín ten como unha das súas máximas prioridades o desenvolvemento de políticas sociais, feito polo que "se reforzou este convenio cunha maior aportación económica e se repetiron as medidas de colaboración a favor a integración dos usuarios de Aspadeza".