Noticias

Permanece aberto o ata mércores o prazo de inscrición na viaxe de esquí a Andorra

As nenas e nenos participantes só deberán asumir o custe do billete de avión de ida e volta entre Santiago de Compostela e Barcelona. A estancia no hotel, as comidas, así como o acceso ás pistas de esquí e os cursos están incluídas no paquete da viaxe


04 marzo 2019
Lalín

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares lembra que permanece aberto o prazo de inscrición para participar na viaxe de esquí a Andorra para nenos e nenas empadroadas en Lalín con idades de 11 e 12 anos, que terá lugar do 24 ao 29 de marzo. A data para reservar unha praza nesta viaxe que se organiza ao abeiro do convenio de irmandamento entre Lalín e Escaldes Engordany pecharase o próximo mércores, día 6. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou na sede electrónica municipal. En total habilitaranse 20 postos e a adxudicación das prazas realizarase por sorteo no caso de que o número de persoas solicitantes supere o número de prazas ofertado.

As nenas e nenos participantes só deberán asumir o custe do billete de avión de ida e volta entre Santiago de Compostela e Barcelona. A estancia no hotel, as comidas, así como o acceso ás pistas de esquí e os cursos están incluídas no paquete da viaxe.  Nicolás González Casares animou aos nenos nenas de Lalín a inscribirse e participar nesta viaxe grazas á oportunidade que ofrece o convenio de irmandamento entre Lalín e Escaldes que establece a celebración de ata 4 intercambios culturais entre 2018 e 2019 co obxectivo de manter os azos de amizade entre os dous municipios. O tenente de alcalde destacou as magníficas posibilidades que ofrece Andorra para a práctica do esquí e outros deportes de inverno, que cualificou como perfectos para o desfrute saudable e divertido dos nenos e nenas en plena natureza.