Noticias

Reunión informativa e participativa o próximo luns sobre o proxecto de construcións de pasarelas verdes de continuidade urbana na carballeira do Rodo e en García Sánchez

Terá lugar ás 20.00 horas na sala de prensa do concello


07 decembro 2018
Lalín
Concello de Lalín

A estratexia DUSI Lalín Ssuma21 segue a darlle voz á cidadanía. O Concello de Lalín comunica a convocatoria dunha reunión aberta e participativa para informar aos comerciantes e aos veciños e veciñas de Lalín sobre o proxecto de construción de pasarelas verdes de continuidade urbana na zona da carballeira do Rodo e en García Sánchez que se vai acometer nas rúas Principal e Joaquín Loriga contemplado neste programa financiado nun 80% con fondos da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do POCS 2014-2020.

O encontro é totalmente aberto á cidadanía en xeral, pero ten especial interese a participación dos veciños e veciñas da zona onde se vai acometer a actuación. Terá lugar o luns, día 10 de decembro, ás 20.00 horas, na sala de prensa do concello e vai servir para informar e resolver dúbidas sobre a intervención que se vai executar nesta zona a través dunha importante inversión. No encontro participará o tenente de alcalde, Nicolás González Casares. Este proxecto enmárcase dentro do Obxectivo Temático número 6 da estratexia,  que inclúe entre as súas actuacións a creación de pasarelas verdes de continuidade urbana continua e segura, unha definición que se transformará nas citadas intervencións, que terán lugar, fundamentalmente, nas zonas periurbanas da vila, onde existe demanda cidadá referente a este tipo de intervencións.

Esta ambiciosa intervención comprende melloras estéticas e funcionais, máis zona verde e incremento da iluminación, prioridade peonil, pero mantendo o tráfico rodado, conformando un eixe urbano adaptado ás necesidades veciñais e ao século XXI.