Noticias

Roteiros de Lalín, case catro anos facendo camiño.

Coa andaina número 19 "Camiño dos Arrieiros pola Xesta" prevista para 5 de maio serán máis de 3000 persoas as que participaron nas 37 actividades organizadas por Roteiros de Lalín.


12 abril 2019
Lalín
Roteiros de Lalín

A próxima andaina de Roteiros de Lalín será o domingo 5 de maio e estará organizada polos Concellos de Lalín e do Irixo, así como polos voluntarios de Roteiros de Lalín e a colaboración da Asociación cultural A Arracada do Irixo e da Asociación de Veciños San Pedro Félix da Xesta. Trátase dunha das rutas que seguían os arrieiros para traer a Comarca de Deza o viño do Ribeiro. Deste vello camiño consérvanse intactos varios tramos, tanto no Concello do Irixo como no Concello de Lalín, e aproveitando este Roteiro van a ser simplemente limpados de maleza porque non se lle precisa facer nada máis dado que son un monumento etnográfico en sí mesmos e polo tanto un ben integrante do noso patrimonio cultural. A ruta terá 16 quilómetros de percorrido comezando no lugar de A Bugalleira, no Concello do Irixo e rematando no campo da festa da Xesta. O percorrido permitirá visitar muíños en perfecto estado de funcionamento, cruceiros, pontes medievais, vistas panorámicas e numerosas mostras de interese natural e patrimonial. Especialmente singular é o lugar chamado Foxo do Cabrito onde aínda se conserva unha casa grande que foi venta de arrieiros, e preto dela estaría unha vaguada onde se situaba a trampa para o lobo. A andaina é tamén unha homenaxe póstuma ao investigador Elixio Villaverde ao que o Concello do Irixo acaba de declarar fillo predilecto. Ademáis haberá unha urna onde se poderán depositar donativos para colaborar na publicación da obra que deixou rematada Elixio Villaverde xusto antes do seu falecemento en setembro de 2018 e que levará por título "Arrieiros somos, Viños do Ribeiro de Avia cara a Santiago e A Coruña por camiños de mil anos".

En canto a Roteiros de Lalín, queremos agradecer a todas as persoas, asociacións, colectivos, entidades, particulares, investigadores e colaboradores diversos a súa aportación desinteresada a este proxecto de divulgación e conservación e posta en valor do patrimonio do noso Concello. Se contemplamos a labor realizada ao longo destes catro anos podemos ver datos que falan claro da magnitude do traballo feito e dos obxectivos acadados. Foron 37 actividades as organizadas por Roteiros de Lalín. Percorréronse 544 quilómetros en total. Deseñáronse 19 andainas diferentes ao longo de todo o Concello de Lalín pasando por 37 das 52 parroquias. Os trazados creados suman 300 quilómetros de percorrido. Nas actividades participaron arredor de 3000 persoas. Nos percorridos realizados visitáronse máis de 30 igrexas e capelas, 15 pazos, 20 castros, 15 cruceiros, 5 pontes históricas (Taboada, Ponte dos Cabalos, Ponte de Pedroso, Pontenoufe e Ponte Orneiros) así como muíños, alvarizas, hórreos e árbores senlleiras. Ascendéronse os 5 cumios máis elevados do noso Concello (Candán 1017 metros, Coco 969 metros, Carrio 827metros, A Rabeixa 899 metros, Cima da Ágoa 920 metros). Tamén serviron os roteiros para divulgar o amplo patrimonio arqueolóxico do que dispoñemos en forma de mámoas, petróglifos e castros. Ademáis en redes sociais creouse unha comunidade que chega xa a 2.206 seguidores e na páxina web recibíronse 44.302 visitas.

Polo tanto esta inxente labor ben direccionada, sumada a labor de colectivos como o dos Clubs de Bicicleta de Montaña, Trail e asociacións relacionadas co mundo do cabalo, pensamos que posiciona ao Concello de Lalín na vangarda no sector das actividades no medio natural tanto en canto a turismo de natureza, de patrimonio e incluso gastronómico. Agora mesmo o Concello conta con 4 sendeiros homologados (PRG 234 Ruta dos Pazos e Ponte Taboada, PRG 188 Sendeiro de Zobra, PRG 227 Devesas do Candán, PRG 210 Roteiro de Mouriscade-Castro de Doade) e tamén con varios sendeiros parcialmente sinalizados coa sinaléctica propia de Roteiros de Lalín (Ponte dos Cabalos, Fragas de Catasós, Bermés e Monte do Carrio, Camiño do Corpiño e próximamente tamén na Telleira de Sello, no Roteiro de Soutolongo, e no de Cercio). Ademáis estáse a traballar en varios roteiros específicos de corto percorrido como o dos Muíños de Zobra, así coma outros integrados en roteiros máis longos como o da Fraga de Quiroga ou do Pazo de Liñares aptos para pequenos paseos en familia de baixa esixencia física.

 Consideramos que nesta primeira fase de Roteiros de Lalín quedan sentadas unhas sólidas bases para seguir construíndo no futuro próximo e tamén quedan abertas unhas liñas de traballo que están dando resultado coa demanda de persoas e colectivos para vir a coñecer o noso Concello e facer algún dos Roteiros e posteriormente disfrutar da nosa gastronomía. A posición de Lalín no centro de Galicia fai que os camiños históricos que aínda conservamos e os dous Camiños de Santiago que temos, sexan un factor importante para a dinamización socioeconómica de Lalín e da comarca de Deza.