Noticias

Saen a concurso as obras de construción de sendas peonís de continuidade urbana no Rodo e García Sánchez

Un dos valores fundamentais do proxecto é o de garantir a seguridade para os usuarios, ademais de mellorar e modernizar a imaxe da zona para aumentar a súa utilización


10 abril 2019
Lalín

A Plataforma de Contratacións do Estado publicou hoxe a licitación do proxecto de execución de sendas peonís verdes e seguras na Caraballeira do Rodo e García Sánchez. A actuación desenvolverase dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, coordinada polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020. Os obxectivos deste proxecto son os de mellorar a mobilidade urbana sostible e segura mediante a construción de pasarelas peonís de continuidade urbana que comunicarán diferentes zonas periurbanas e que garantirán desprazamentos cómodos, sostibles e seguros. O proxecto -elaborado na parte técnica pola empresa lalinense Lar Taller de Arquitectura S.L- tamén inclúe a construción de pasarelas en Xaxán e Goiás, aínda que nesta primeira ocasión só se licita a intervención na zona do Rodo ao estar pendentes as outras dalgúns permisos necesarios. O orzamento total dispoñible para esta parte é duns 171 mil euros e as empresas interesadas teñen 20 días naturais para presentar as súas propostas. O prazo de execución, unha vez asinado o contrato, é de dous meses.

O Concello de Lalín pretende habilitar unha senda peonil que, discorrendo a través da Carballeira do Rodo e próxima á rúa García Sánchez, evite que os peóns circulen pola calzada desta rúa tal e como sucede actualmente. Así mesmo, preténdese prolongar esta senda mais aló da Rolda Leste de xeito paralelo á devandita rúa. O cruzamento da Rolda Leste, polas características inherentes da vía e a pendente que presenta neste cruce, deberá ser tratado de xeito singular para garantir a seguridade dos peóns. No deseño desta actuación tivéronse en conta as características do entorno e o uso ao que se lle vai dedicar á senda, adaptándoa ás condicións normativas de seguridade. Un dos valores fundamentais do proxecto é o de garantir a seguridade para os usuarios, ademais de mellorar e modernizar a imaxe da zona para aumentar a súa utilización tamén para o lecer co máximo confort. Así,  dende a a Carballeira do Rodo ata a urbanización de García Sánchez, crearase unha senda peonil con elementos de seguridade viaria onde se prestará especial atención á seguridade e iluminación no entronque coa Rolda Leste. Para a súa construción, será preciso realizar diversos movementos de terra e incluso acometer nun dos puntos un muro de contención. A senda crearase con zahorra artificial estendida e perfilada á que se aplicará un pavimento terrizo con árido impermeabilizado e mistura bituminosa para a capa de rodadura. Nas zonas de maior perigo polo paso de coches instalarase unha mouteira de granito para separar a senda da calzada.

No cruce da Rolda Leste contémplase a execución de pasos de peóns intelixentes sobreelevados con bandas reflectantes e a instalación dun sistema de iluminación que se acenderá ao detectar a presenza dun peón coa intención de advertir aos condutores de forma máis significativa sobre a súa presenza. Tamén se pintarán sobre o pavimento novas sinais horizontais de stop, ceda o paso e frechas direccionais. Previos ao paso de peóns instalaranse redutores da velocidade.