Noticias

Laura Freixas analiza na Escola de Igualdade María Vinyals a cultura patriarcal "que representa aos homes como heroes e ridiculiza ás mulleres poderosas"

"Eles aparecen como heroes, aliados e pais simbólicos" mentres que elas figuran como "nais biolóxicas, amantes, ou mulleres poderosas que suscitan o odio"


03 abril 2019
Laura Freixas

A presidenta de honra da Asociación Clásicas e Modernas, Laura Freixas, participou esta mañá na xornada Muller e Poder da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra que tivo lugar no castelo de Soutomaior. Durante a súa conferencia "Poderosas... e malvadas?", a tamén escritora abordou os diferentes roles que adoitan desenvolver os homes e as mulleres na cultura. A escritora analizou por que fronte a idea de grandes heroes que ostentan o poder, atópanse mulleres poderosas que son ridiculizadas e odiadas a partes iguais.

"Sexa o que sexa o que fan co poder, os homes poderosos son celebrados", explicou Freixas. "A cultura represéntaos como heroes, como grandes homes, como figuras positivas, nobres e idealizadas". A escritora catalá, que fixo un repaso por distintos eidos culturais, detívose a analizar os tres roles que adoitan desenvolver as figuras masculinas prototípicas. A primeira que mencionou Freixas foi a de heroe, na que puntualizou que "se celebran as fazañas individuais masculinas como se o xesto dun só home, que podería ser o Cid ou James Bond, fose cambiar a historia". Ademais, a escritora tamén alertou de que este tipo de figuras están presentes na literatura infantil mediante personaxes tan simpáticos como Os Pitufos.

As outras dúas facetas que mencionou Freixas foron a de homes como aliados e a de homes como pais simbólicos. No caso do primeiro rol mencionado, a escritora explicou que a cultura lexitima o concepto de sociedade "como unha organización que se divide en grupos de varóns que se alían e se enfrontan entre si". No segundo caso, o relacionado coa paternidade, Freixas indicou que os "pais simbólicos son varóns que, teñan ou non un vínculo biolóxico, transmiten aos varóns máis novos o seu coñecemento, a súa riqueza, a súa clientela... Son homes que se representan como os creadores de todo: do deporte, da relixión ou da cultura popular". Para iso, Freixas dou algúns exemplos como designar aos impulsores da Constitución como "pais". "Isto só reforza a idea de que a creación é cousa de homes", explicou Freixas.

Pero no caso das mulleres, a súa representación non ten roles análogos aos masculinos. "A muller só se representa como nai ou como amante. No primeiro caso, a nai é unha nai biolóxica e non simbólica, como os homes. É dicir, non é mestra nin sabia, senón altruísta e submisa", continuou analizando Freixas. A escritora explicou que a "cultura patriarcal" presenta ás mulleres "como obxectos". "Ten un interese persistente en desvalorizar, negar e borrar a maternidade". Ademais, a relatora quixo facer referencia a que todo este tipo de mensaxes, nos que a muller aparece "deshumanizada e sen cabeza", "transmiten a idea de que as mulleres existen para cumprir os proxectos alleos como, por exemplo, ocorre na xestación subrogada". E non só iso, senón que Freixas fixo referencia a anuncios nos que se lexitima a violencia machista. Por outro lado, o segundo rol que a muller adoita desenvolver na cultura é o de amante. "Muller nova, sexi, compracente e submisa. A súa única identidade ou actividade é a de ser amante ou ser fantaseada como no caso da revista Playboy", remarcou Freixas.

"Pero na cultura tamén hai mulleres poderosas que contradín ese ideal", indicou a escritora. Pero tal e como o describiu, esas mulleres aparecen como "odiosas e ridículas". "A cultura patriarcal invítanos a empatizar cos homes e, incluso, as mulleres que se dedican á política aparecen banalizadas. Porque o certo é que nunca son presentadas como aliadas, senón enfrontadas dunha maneira trivial e ridícula" salientou a relatora.

Pero fronte a todos estes roles que, segundo Freixas, perpetúan os estereotipos da cultura patriarcal, tamén hai alternativas. "Hai toda unha cultura creada por mulleres e na que se representan como persoas valentes. Temos a Isabel Coixet, a Sylvia Plath, a Ana Álvarez Errecalde, MAry BEard ou Chimamanda Ngozi", enumerou a escritora. Freixas, para concluír, quixo poñer en valor a igualdade no mundo da cultura. "Hai que recordar que contidos culturais son importantísimos para modelar a comprensión da nosa vida porque, ao final, teñen unha importantísima influencia na comprensión da nosa sociedade actual".