Noticias

Louzán e Figueroa consideran garantida a reforma de Balaídos cun convenio entre a Deputación e o Concello

O convenio especifica que a Deputación e o Concello achegarán o financiamento necesario (29,7 millóns de euros) ó 50 %


18 xuñ 2015

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou a aprobación, mañá mesmo, do convenio que "garante" o proxecto de reforma de Balaídos ó asumir, a institución provincial e o Concello de Vigo, o 100 % do financiamento necesario.

Fíxoo acompañado polo seu vicepresidente José Manuel Figueroa e pola deputada viguesa Marta Iglesias. Foi o propio Figueroa o que cualificou a xornada como "histórica" ó tratarse, segundo explicou, "dun proxecto longamente demandado e que suporá o maior investimento da Deputación en Vigo nun só proxecto, cunha achega de 15 millóns de euros".

Louzán especificou que tanto a Deputación coma o Concello adquiren o compromiso de investir ata 15 millóns de euros nun prazo de tres anos para garantir a reforma integral de todas as bancadas do actual estadio de Balaídos. Esta cantidade será achegada en varias anualidades, ó mesmo tempo e ó 50 % entre o Concello e a institución provincial.

Se outras institucións públicas ou privadas se suman ó financiamento do proxecto, presupostado en 29,7 millóns de euros, a cantidade achegada polo Concello e a Deputación rebaixaríase na mesma proporción e tamén a partes iguais.

O presidente da Deputación lembrou que a iniciativa de colaboración partiu da Deputación, cunha reunión que tivo lugar o pasado 16 de setembro entre o propio Louzán, Figueroa e o alcalde vigués, Abel Caballero.

Nesta cita os portavoces da Administración provincial solicitáronlle ó Concello, propietario do estadio, a redacción dun convenio de colaboración.

Sete meses despois, o 1 de abril, o Concello vigués achegou este documento, que a Deputación estudou e filtrou técnica e xuridicamente en dous meses, ata perfilar a redacción definitiva que mañá aprobará o Pleno no Pazo provincial.

"O documento quedará listo para a firma e á espera unicamente de que o Concello de Vigo poña unha data para materializar este acto protocolario", afirmou Rafael Louzán.

José Manuel Figueroa recordou os "múltiples intentos" no pasado de reformar o estadio vigués e subliñou a importancia da obra mencionando o feito de que o Celta "é un símbolo, unha fonte de xeración económica en Vigo e o maior axente de promoción exterior co que conta o municipio".

Tanto Louzán coma Figueroa e Iglesias destacaron que o convenio contén un anexo que garante outro investimento de 579.000 euros, tamén a partes iguais entre o Concello e a Deputación, para executar obras de mantemento en seis dos catorce campos de fútbol construídos en Vigo pola institución provincial.

Desta forma as instalacións de Sárdoma-Moledo, Santo André de Comesaña, O Meixoeiro, A Bouza, A Guía e Santa Mariña verán melloradas as súas dependencias con reparacións e obras de acondicionamento en diferentes seccións.

O Pleno da Deputación someterá hoxe a votación o convenio de Balaídos, xunto co mencionado anexo. Rafael Louzán expresou o seu desexo de que o texto sexa "aprobado coa unanimidade de todos os grupos" e agradeceu expresamente o "intenso traballo e sensibilidade do equipo de Intervención da Deputación para encaixar administrativa e legalmente toda esta complexa operación".