Noticias

Luz verde do Goberno de Carmela Silva ao proxecto dos novos vestiarios e anexos da piscina de Cambados comprometido pola Deputación hai solo un mes

O proxecto, que conta cun orzamento de 455.000 €, tramitarase de xeito urxente á vista dos informes técnicos que o recomendaron tras as serias deficiencias detectadas


10 agosto 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto para a execución da obra de demolición e reconstrución do bloque de vestiarios e instalacións anexo ás obras de actualización da piscina climatizada no Complexo Polideportivo O Pombal de Cambados, así como a declaración de urxencia na tramitación do seu expediente de contratación. Apróbase, ademais, o orzamento base de licitación que vai ser de 455.000 euros.

Estas novas actuacións vanse realizar para paliar as graves deficiencias atopadas na zona dos vestiarios e buscan dotar así a Cambados dunha piscina e duns vestiarios de primeira categoría e do século XXI e non facer parches sobre obras que foron mal formuladas polo Goberno anterior. Procédese, ademais, á tramitación urxente deste expediente baseándose nos informes técnicos que o recomendan e co fin de previr ou evitar danos ás persoas usuarias e aos bens. Esta iniciativa apróbase pouco máis dun mes despois do anuncio nunha visita a Cambados do deputado de Cooperación, David Regades, xunto á alcaldesa Fátima Abal, a finais de xuño.

O novo investimento súmase ao convenio xa vixente entre Deputación e Concello de Cambados, por valor de 902.000 euros, para a renovación das instalacións da piscina do Pombal, da súa climatización e da súa cuberta. Con esta nova partida, o investimento global para a renovación de todas as infraestruturas das instalacións do Pombal vai ser de case millón e medio de euros.