Luz verde do Pleno da Deputación á prorroga do contrato para a conservación das estradas provinciais

A institución provincial repara cada ano o firme de 70 quilómetros da rede provincial, pinta outros 425 quilómetros e desbroza 6.000 quilómetros de cunetas

27/05/2022

Pleno  

A Deputación repara o pavimento de 70 Km de estradas tódolos anos para manter en boas condicións a rede provincial. Ademais, reforza a sinalización horizontal pintando un total de 425 Km e roza ata 6.000 Km lineais, dado que tódalas vías reciben agora dúas "pasadas" das desbrozadoras, por ambas beiras, ao longo da anualidade. Os datos foron ofrecidos polo deputado provincial, Gregorio Agís, durante o Pleno ordinario no que se aprobou, por unanimidade, a prórroga do contrato plurianual de conservación ordinaria da rede.

O Pleno aprobou a primeira prórroga deste contrato, que expiraba en agosto tras ser asinado en 2018, que inclúe os traballos de rozado, pintado, sinalización horizontal e balizado das estradas provinciais. Un contrato que supón un investimento de 2,9 millóns de euros anuais e que se estende por un ano máis diante dos "magníficos resultados" que está a proporcionar. Gregorio Agís explicou que a Deputación ten, a maiores un acordo marco para obras de conservación de firmes da rede viaria, valorado en 4,4 millóns de euros anuais co obxectivo de manter o pavimento da rede. Ademais, conta cun contrato para as incidencias e para garantir a viabilidade invernal (temporais) por outros 1,8 millóns de euros anuais. Finalmente, están os contratos de subministro de materiais e maquinaria (0,5 millóns), talas e arborado (200.000 euros anuais) e, en breve, sairá a licitación un novo contrato marco para a subministración e colocación de cunetas tendidas por outros 1,9 millóns de euros anuais.

O deputado de Infraestruturas remarcou o bo funcionamento deste sistema de contratos plurianuais, implantado progresivamente dende 2016, para o mantemento e conservación das estradas provinciais e que supón un cambio cualitativo para a imaxe e a funcionalidade dunha extensa rede provincial de estradas, que con 1.700 Km, vertebra todo o territorio. "Non hai quen recoñeza ás estradas provinciais despois de 7 anos, a pesar do calamitoso estado na que as recibimos despois de catro décadas de goberno do PP nesta Deputación". Agís engadiu que calquera condutor/a recoñece agora inmediatamente que circula por unha estrada provincial, aínda que non repare na sinalización vertical, "polo estado de conservación, pola seguridade viaria e pola aposta pola mobilidade integral, que prioriza ás persoas que se desprazan a pé".

Facilidades para Cerdedo-Cotobade e Valga no plan ReacPon

Por outra banda, o Pleno provincial aprobou as modificacións dos proxectos presentados polos Concellos de Cerdedo-Cotobade e Valga ao Plan ReacPon para facilitar que ambos poidan sacalos adiante e manter as achegas provinciais. No caso de Cerdedo-Cotobade, o Concello informou dun incremento dun 86,57% no orzamento de licitación, que pasa dos 489.990 euros calculados inicialmente polo Concello a 914.183 euros despois de que a licitación quedara deserta. O alcalde comunicou que tras unha "sondaxe informal entre varias empresas do sector" chegouse á conclusión de que os prezos estaban desaxustados e non cubrían o custo real das obras. A Deputación dá agora conformidade ao novo proxecto e mantén a achega de 391.991,61 euros solicitada no seu día. Pola súa banda, o Concello de Valga modificou o proxecto para a Senda peonil e vía ciclable no contorno da Gándara de Campaña, que conta cun orzamento de 500.915,47 euros dos que a Deputación achega 425.778,15 euros. A modificación, neste caso, non afecta ao orzamento e ten que ver co encaixe de futuros proxectos complementarios que pretende acometer o Concello nesta zona.

Coa mesma intención de axudar aos concellos para que non perdan recursos do Plan Concellos , o Pleno aprobou un novo prazo para que os 59 municipios da provincia adheridos (todos agás Vigo e Pontevedra) poidan presentar proxectos. O novo prazo límite, aprobado por unanimidade, quedou fixado no próximo 30 de xuño . A resolución explicouse pola necesidade de dar seguridade xurídica, unha vez expirado o prazo inicial de tres meses e que algúns concellos tivesen aducido erros interpretativos sobre o período de emenda para os proxectos entregados. Ademais, tendo tamén en conta o interese público e a complexidade na contratación administrativa no actual contexto, valorouse o impacto da crise de materiais, que se viu agravando nos últimos meses. O Plan Concellos está dotado este ano con 73,5 millóns de euros ao incluír, ademais da anualidade 2022, a liña 1 (obras) da anualidade 2023. Este operativo de financiamento regrado, en función da súa poboación, extensión e dispersión territorial fai posible coas súas tres liñas a execución dunha media de preto de 500 obras ao longo do ano, a realización de máis de 200 actividades socioculturais e a contratación temporal de máis de 900 persoas desempregadas para atender servizos de competencia municipal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.