Noticias

Luz verde para a musealización dos castros de Alobre, A Subidá e Toiriz

Fomento saca a adxudicación os proxectos para os xacementos de Vilagarcía de Arousa, Marín e Silleda, integrados no protocolo coa Deputación. As obras comezarán a finais de xuño e terán un prazo de execución de catro meses


13 maio 2020
Deputación de Pontevedra

A restauración e musealización dos tres primeiros castros galaico-romanos, integrados no protocolo da Deputación de Pontevedra co Ministerio de Fomento, xa é unha realidade tras a adxudicación dos proxectos do primeiro lote, correspondentes aos xacementos de Toiriz (Silleda), A Subidá (Marín) e Alobre (Vilagarcía de Arousa). A empresa Patrimonio Inteligente, de ampla traxectoria en restauración de patrimonio arqueolóxico, gañou a adxudicación dos tres proxectos, cun importe de 519.864,11 euros, e serán os concellos os que agora terán que axilizar a tramitación das licenzas de obras. En calquera caso, a data estimada polo Ministerio para o inicio dos traballos sitúase a finais do próximo mes de xuño e estes terán un prazo de execución de catro meses.

A presidenta Carmela Silva mostrou a súa satisfacción. "Estamos de en hora boa; é unha gran noticia. Estas adxudicacións van permitir a xeración de actividade económica e emprego, ademais de cumprir o obxectivo de posta en valor do noso patrimonio e o desenvolvemento do noso modelo turístico, centrado nun destino cultural".

En liñas xerais, as obras comezarán con labores previos, pavimentación, dotación de mobiliario e de sinalización, tratamento da paisaxe e melloras dos accesos aos xacementos. Ademais, en todos eles situaranse paneis que incluirán unha liña temporal co seu encadre cronolóxico, información xeográfica e sociocultural, datos do contorno da escavación e trazas na paisaxe. A tipoloxía dos soportes e a súa distribución non supón unha carga visual para os xacementos; ao contrario, facilitan unhas visitas nas que estes se integran cos seus contornos. Ademais, a versatilidade dos soportes e á súa teórica sostibilidade facilitan que, se as áreas de visita se amplían nun futuro, a información se poida ampliar e modificar.

Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa)

As persoas que visiten o xacemento de Castro Alobre en Vilagarcía de Arousa unha vez rematen as obras poderán realizar un percorrido sinalizado con "picas" e espazos vexetais recuperados e a musealización irá explicando mediante diversos soportes (paneis con textos, soportes QR para descargar arquivos de audio ou pavimentos de diferente tonalidade) a cronoloxía do xacemento e todas as súas fases, ademais da importancia do seu emprazamento (punto estratéxico, proximidade ao mar, orografía etc.).

Toiriz (Silleda)

O proxecto que se vai a executar en Toiriz, no concello de Silleda, incidirá en elementos coma os resultados da intervención non invasiva que aportou datos sobre a existencia de estruturas de habitación ou cabanas. Tamén no seu bo estado de conservación, que fixo que no seu momento se convertese nun parque urbano. Por último, centrarase no seu sistema defensivo, aínda visible e fácil de percibir. A visita comezará cunha introdución xenérica emprazada nunha barreira nova (que substituíra a actual, moi deteriorada). A partir de aí, e con soportes sutís ("picas" con paneis), realizarase unha aproximación cronolóxica do xacemento e explicaranse datos referentes á xeografía do contorno e cales son as dimensións do poboado e as súas características, prestándolles especial atención ás defensas do castro. Os códigos QR nos paneis facilitarán a visita. A intervención busca integrarse na paisaxe como un elemento máis desde o respecto máis absoluto polo territorio.

A Subidá (Marín)

O proxecto vai executar un esquema de visita que garda a mesma estrutura que nos outros xacementos, gardando a coherencia de "ruta" que supón a actuación Trazas de Pontevedra. Neste caso partirase da zona de aparcamento, cunha indicación xenérica sobre un panel cos datos perceptivos desta "ruta" e dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra. Os seguintes puntos de información distribuiranse no camiño de subida que será acondicionado. As "picas", elemento singular do proxecto, irán informando da cronoloxía do castro, o seu posicionamento xeográfico e o vencello con outros xacementos próximos e farán un acercamento sociocultural ao lugar e ao período no que foi habitado. Xa no espazo onde se conservan as estruturas escavadas, varios paneis e códigos QR nos informarán das cabanas que existen, dos datos que se coñecen do xacemento e da existencia de varios petróglifos no propio castro. Tamén se executará un banco, realizado en gabións, que terá unha dobre finalidade como punto de contemplación da paisaxe e o territorio e como punto de información, xa que servirá de soporte expositivo. A versatilidade dos soportes empregados nesta musealización facilitarán que, se nun futuro se amplía a información ou se escavan máis estruturas, estes soportes poidan albergar os novos datos ou desprazarse a outro punto de maior interese.

En canto ao estado de situación do resto dos xacementos enmarcados no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o ministerio, Fomento segue á espera da avaliación e o informe de Patrimonio da Xunta de Galicia para poder sacar a licitación o segundo lote de xacementos cuxos proxectos xa están redactados e rematados. Trátase dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros e Igrexa Vella en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cotobade. Finalmente, respecto ao terceiro e último lote dos xacementos, están en fase de redacción, xa moi avanzada, os proxectos de Taboadexa nas Neves, Troña en Ponteareas, Trega na Guarda, Facho en Cangas, Cabeciña en Oia e Castrolandín en Cuntis.