A beleza das maceiras en flor deslumbra esta fin de semana en terras da Estrada

A presidenta Carmela Silva  participou este domingo do espectáculo visual e na cata degustación da sidra de mazá ecolóxica: “Temos un rural espectacular e xa traballamos para dar un salto cualitativo e impulsar proxectos como este”

15/05/2022

Maceiras en flor

O chamado “Jerte galego” non defraudou. Con todas as prazas esgotadas, as rutas das “Maceiras en Flor”, organizadas un ano máis pola Deputación de Pontevedra, superaron todas as expectativas esta fin de semana nas terras da Estrada, tanto o sábado como o domingo cando a propia presidenta provincial, Carmela Silva, se sumou á visita á plantación de Callobre e despois á cata e degustación na Sidrería Rabiosa. Ribela, A Peroja e Camino foron as outras tres rutas nas que participaron case 200 persoas que desfrutaron dun espectáculo visual único, no momento de maior esplendor da floración das maceiras, e dunha experiencia que activa todos os sentidos coas texturas e sabores da sidra feita en lagares artesás cunha produción cen por cen ecolóxica. Unhas rutas, que a presidenta provincial cualificou de gran proxecto que ten por obxectivo “apoiar todo o que ten que ver coa creación da riqueza no rural sen perder a súa identidade”.

Carmela Silva, que recordou que a comarca de Tabeirós-Terra de Montes é líder no noroeste peninsular na produción de mazá ecolóxica, puxo en valor “o importantísimo traballo das sidrerías que se fai no rural, un sector que hai que apoiar porque, amais de fixar poboación e apostar por un produto de proximidade, calidade e sostibilidade, representa tamén un produto de turismo exclusivo e singular do destino Pontevedra Provincia que impulsa a desestacionalización e o apoio ao patrimonio material e inmaterial”. A presidenta avanzou que xa se está a traballar con axencias para establecer paquetes turísticos con proxectos como este vinculados ao territorio “que cheguen tamén ao interior da provincia onde temos un rural que é espectacular. Queremos dar ese salto cualitativo para atraer visitantes nun proxecto tan identificativo da provincia”

Na visita á plantación de maceiras, tanto a presidenta provincial, acompañada de Orlando  Villamayor, responsable da adega que segue co legado familiar, e das persoas que participaron nas rutas, admiraron a espectacular sobreira de Valiñas que ronda os 300 anos de antigüidade e ten  21 metros de altura o que a converte nun dos exemplares máis importantes da especie en Galicia. Xa nas instalacións da Sidrería Rabiosa, ao igual que nas visitas a Ribela, A Peroja e Camino, desfrutaron dunha cata degustación da sidra obtida coa mazá orgánica “que está ao nivel das mellores do mundo”. De feito, o sector traballa na comercialización internacional dos produtos orgánicos e amosando que o futuro está en apostar pola economía circular, pechando o ciclo de produción, procesamento, comercialización e reciclaxe da mazá.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.