Noticias

Máis de 100 empresas catalás participarán no workshop de Turismo Rías Baixas que levará ata Barcelona a preto de trinta empresas da provincia

O evento da Deputación de Pontevedra, en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, permitirá abrir novas liñas de negocio


24 novembro 2018
Workshop Barcelona

O vindeiro martes, 27 de novembro, As Rías Baixas desembarcará en Barcelona para a realización do primeiro workshop do destino na capital catalá. A través desta novidosa iniciativa, a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, dará cita nunha mesma xornada no Hotel Gran Marina de Barcelona a preto dunha trintena de empresas da provincia que espertaron o interese de máis de cen empresas de Cataluña.

Entre as trinta empresas da provincia que van participar neste primeiro workshop en Barcelona atópanse hoteis, bodegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores. Pola súa banda, en canto ao centenar de empresas catalás que acudirán ao Hotel Gran Marina barcelonés encóntranse dende turoperadores, ata medios de comunicación especializados en turismo e asociacións sectoriais. Ademais, está confirmada a presenza do presidente do Centro Galego de Barcelona.

Durante a xornada, que dará comezo ás 18 horas, terán lugar reunións dinámicas coa vista posta en abrir novas vías de negocio e xerar novas oportunidades para o sector turístico da provincia. Tralas reunións, nas que se tamén se comercializará o castelo de Soutomaior como elemento tractor do turismo cultural para o conxunto da provincia, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentará a campaña promocional das Rías Baixas e terá lugar un sorteo de viaxes de familiarización entre as empresas asistentes ao workshop.

Esta actividade, que forma parte das liñas do Plan estratéxico de turismo 2017-2010, atende ao obxectivo de xestión intelixente do destino, compartida entre todas as axencias con competencias turísticas na provincia de Pontevedra. Deste xeito, a idea do workshop en Barcelona naceu nunha Mesa de Turismo das que se veñen organizando ao abeiro do plan.

A través do Plan estratéxico de turismo, a Deputación de Pontevedra está a traballar para converter á provincia de Pontevedra nun destino turístico mellor e máis competitivo. Ademais, outro dos obxectivos do plan é espallar os atractivos turísticos do destino a nivel nacional e internacional, así como configurar unha oferta multiexperiencial a través da implantación dunha carteira de produtos turísticos que poñan en valor a riqueza do territorio e contribúan a desestacionalizar.