Noticias

Máis de 130 empresas do Salnés foron asesoradas en Cambados pola oficina de SmartPeme

Carmela Silva amosou a súa satisfacción por "ver que os recursos públicos serven para poñer proxectos de futuro a disposición da cidadanía e da actividade económica"


12 marzo 2018
Smartpeme

A presidenta da Deputación visitou esta mañá as instalacións de SmartPeme en Cambados acompañada da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e da responsable dun proxecto empresarial de éxito, Mamacosesola, Elisa Franco, que recibiu asesoramento por parte deste servizo da institución provincial.

Carmela Silva fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina de Cambados e dixo sentirse "moi contenta por ver que os recursos públicos serven para poñer a disposición da cidadanía e da actividade económica proxectos de futuro que sirvan ás empresas para internacionalizarse, ter máis beneficios, poder contratar a máis persoas ou ter máis presenza".  

De feito, tal e como informou a presidenta, a oficina de SmartPeme en Cambados que presta asesoramento á comarca do Salnés, "realizou desde a entrada en funcionamento máis de 400 asesoramentos, organizou máis de 90 talleres sobre novas tecnoloxías aos que asistiron máis de 700 persoas e se atendeu a máis de 130 empresas. Este ano, queremos impulsar asesoramentos en materia tecnolóxica vinculados ao turismo, un dos sectores económicos máis importantes para a comarca do Salnés e para toda a provincia".

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, agradeceu o traballo que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra a través da oficina de SmartPeme na vila. Máis polo miúdo, Abal destacou que "ata aquí acoden moitas persoas emprendedoras e empresas a diario, para buscar axuda e asesoramento para seguir adiante cos seus proxectos, para ter un futuro máis prometedor".

Neste eido, durante a visita á oficina de SmartPeme en Cambados, tanto a presidenta da Deputación como a alcaldesa da localidade e o deputado de Innovación e Promoción Económica puideron coñecer, de primeira man, a experiencia dunha muller emprendedora, Elisa Franco, que foi asesorada por este centro para impulsar a súa empresa Mamacosesola. Así, Franco explicou que "eu comecei a traballar cosendo desde a casa de xeito autodidacta e, trala costura, empecei a formarme en patronaxe dixital infantil e impulsei a miña empresa, Mamacosesola, co obxectivo de ofrecer ás familias patróns e instrucións para poder levar a cabo vestiario infantil de xeito sinxelo". A emprendedora destacou a axuda "fundamental de SmartPeme para actualizar a miña presenza en Internet", xa que a través da oficina se impulsou a viralidade dos contidos de Mamacosesola, se realizou un asesoramento na xeración de plans de marketing, marketing dixital, optimización de redes sociais e no emprego intensivo da analítica.

"SmartPeme" é un programa que oferta ás persoas emprendedoras, autónomas, ás asociacións e aos axentes dos concellos, servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación. Actualmente conta con sedes en Cambados, Pontevedra, Vigo, Lalín, A Estrada, O Porriño e Ponteareas.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para elo, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación da provincia ao servizo das empresas. Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais. Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de SmartPeme contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.


Outras novas

VI gala deporte feminino

21 xuño 2018, igualdade, deporte, concello de pontevedra, concello de vigo, antonio lópez, carmen barro, durán maquinaria, maría pérez araújo, mecalia atlético guardés, melania rodríguez, mudega, noelia pérez, susana rodríguez gacio, vi gala deporte femenino, marta bobo
Catoira Mulleres en acción.Violencia Zero

21 xuño 2018, catoira, digna rivas, contra a violencia machista, mulleres en acción. violencia zero