Noticias

Máis de 21.000 persoas coñeceron en Porto os ‘Soños' do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal

O Centro Portugués de Fotografía acolleu a mostra producida polo Museo de Pontevedra que reúne unha escolma das series Room 111, The farm e Meeting Point


13 maio 2019
Exposición Miguel Vidal

Un total de 21.185 persoas visitaron en Porto a exposición "Soños" do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, unha mostra producida polo Museo de Pontevedra e que recolle unha escolma das series creativas Room 111, The Farm e Meeting Point realizadas nos últimos anos.

Ao longo de dous meses, o público asistente ao Centro Portugués de Fotografía tivo a oportunidade de contemplar corenta imaxes en formato grande que, en palabras do comisario, Ramón Rozas, son "dunha enorme potencia visual e dunha intensidade que conmove a un espectador atafegado polo visto, por asomarse a ese outro lado repleto de vidas, de existencias xurdidas dun abismo que só cando se topan cun creador saen á superficie para respirar, entrando a formar parte do noso propio universo".

O proxecto, que alterna a cor e o branco e negro, supuxo a primeira exposición en solitario deste artista de formación autodidacta e que puido verse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra no ano 2017.

Miguel Vidal dedícase á fotografía desde hai máis dun cuarto de século, durante os que recibiu clases maxistrais dalgúns dos grandes mestres desta disciplina como Antoine D'Agata, Stuart Franklin o Chris Steele-Perkins, entre outros.

O seu traballo como fotoxornalista enmarcou a súa obra na Street Photography, mentres que e o seu interese crecente pola arte levouno a explorar a figura feminina e o retrato, levándoo ao Neopictorialismo.