Noticias

Máis de 300 persoas participarán nas excursións do programa da Deputación "En Ruta coa Depo 2019"

Veciñas e veciños de catro concellos percorrerán esta fin de semana recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


02 agosto 2019
En ruta coa Depo

O programa "En Ruta coa Depo 2019" organiza esta fin de semana cinco novas excursións nas que participarán máis de 300 persoas de catro concellos da provincia. En concreto, serán 324 veciñas e veciños dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Redondela, Cuntis e Vigo.

Máis polo miúdo, o sábado 54 persoas da asociación Areva coñecerán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa da Soavela e Cabo Home, en Cangas; e o Museo Massó e Cabo Udra, en Bueu. Ademais, outras 54 persoas do Círculo Cultural Recreativo de Cesantes farán unha ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación) e, despois, irán ao Museo da Salga no Grove e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, o domingo 54 persoas da Asociación Cultural e de Veciñas e Veciños Santa Bárbara de Portela visitarán o castro de Santa Trega, na Guarda, e o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos. Amais, 108 persoas da Asociación de Veciñas e Veciños Novo Vigo farán unha ruta pola illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande, en Redondela. E, por último, 54 persoas da Asociación de Veciñas e Veciños Nosa Terra de Alcabre realizarán a mesma ruta que fará o sábado o Círculo Cultural Recreativo de Cesantes, visitando Arousa e O Grove e facendo un percorrido en barco con degustación.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén ten o obxectivo de dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra e dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, poida sentirse orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.