Noticias

Máis de 500 persoas gozarán a primeira semana de novembro do programa "Depotermal" 2019

A iniciativa de termalismo social da Deputación de Pontevedra beneficia este ano a 4.500 veciñas e veciños da provincia


03 novembro 2019
Depotermal

Un total de 520 persoas de catorce concellos da provincia gozarán esta primeira semana de novembro do programa "Depotermal" organizado pola Deputación de Pontevedra, nas dúas modalidades diurna e outra con pernoita. Nesta ocasión serán veciñas e veciños dos concellos de Poio, Meis, Portas, Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, Meis, Vigo, Redondela, O Porriño, Cangas e Pontevedra os que coñezan os beneficios do termalismo.

Por unha banda, a modalidade diúrna contará con 26 veciñas e veciños de Poio, 20 de Meis, 5 de Portas e 4 de Caldas de Reis que gozarán de "Depotermal" no establecemento Termas de Cuntis. Ademais, 18 persoas da Illa de Arousa, 14 de Cambados, 7 de Ribadumia, 11 de Meaño e 8 de Meis achegaranse ás instalacións do Eurostars Isla de la Toja. En total, serán 113 as persoas que participen a primeira semana de novembro na modalidade diurna de "Depotermal".

Por outra banda, a modalidade con pernoita contará con 94 veciñas e veciños de Vigo que se aloxarán no Hotel Talaso de Sanxenxo e 44 que irán ao Hotel Galatea de Portonovo, 38 de Redondela que o farán no Hotel Novo Astur de Sanxenxo, 40 do Porriño que visitarán o Hotel Louxo La Toja, 79 canguesas e cangueses que acudirán ao Hotel Carlos I de Sanxenxo e 112 habitantes da capital da provincia que se aloxarán no Hotel Modariz. En total serán 407 as persoas que gozarán entre o 3 e o 8 de novembro do termalismo con estancias de seis días e cinco noites.

O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. "Depotermal" permite tamén dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.

Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 persoas con pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).