Noticias

Máis de 700 persoas participan nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo 2019"

Veciñas e veciños de 7 concellos percorrerán recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


02 xullo 2019
En ruta coa Depo

O programa "En Ruta coa Depo 2019" organiza esta semana 10 novas excursións nas que participarán máis de 700 persoas de sete concellos da provincia. En concreto serán 702 veciñas e veciños dos concellos de Sanxenxo, Vigo, As Neves, Pontevedra, Ponteareas, Redondela e Mos.

Máis polo miúdo, este mércores, 54 persoas do Club de Pensionistas de Sanxenxo visitarán o santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza,  e o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo. Pola súa banda, o venres, 54 persoas da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia farán a súa ruta pola illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. No que respecta ao sábado, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños coñecerán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, en Cangas; e o Museo Massó e cabo Udra, en Bueu. Tamén, 108 persoas da Asociación Club de Xubilados e Pensionistas visitarán Pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador e Camanzo.

Por outra banda, o domingo, 108 persoas da Asociación Cultural San Nicolás de Prado e da Asociación de Vecinos del Barrio de la Feria en Cabral farán a súa ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán a O Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Amais, outras 108 persoas da Asociación de Veciños San Cibrán de Ribarteme van coñecer a illa de San Simón; o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio; e o Museo Meirande, en Redondela. Tamén o domingo, 162 da Asociación de Nais e Pais de Persoas con Necesidades Especiais Andaina e da Asociación Cultural A Queimada visitarán a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. E, por último, 54 persoas da Asociación de Disminuidos Físicos e Psíquicos de Mos farán unha ruta polo conxunto histórico de Pontevedra, polo Museo de Pontevedra e pola illa do Covo.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.